A Mesa presentou en Valencia a situación do galego na xustiza

A vicepresidenta da Mesa Elsa Quintas participou na xornada Els drets lingüístics en la judicatura

A Mesa pola Normalización Lingüística representou a Galiza na xornada Els drets lingüístics (Os dereitos lingüísticos) que se celebrou na Universidade de Valencia (UV) na que tamén participaron entidades e persoeiros do País Valencià, Catalunya e Euskadi.

A vicepresidenta da Mesa e avogada Elsa Quintas, impartiu unha conferencia baixo o título “A realidade nos xulgados das comunidades autónomas con linguas cooficiais”, na que falou sobre os reiterados incumprimentos que se dan na administración de xustiza sobre os dereitos lingüísticos da poboación.

Quintas denunciou a falta de cumprimento de varios puntos da Carta europea de linguas rexionais e minoritarias (CELRM) que ratificou o Estado español en 2001. Entre eles, detallou a falla de atención e uso da lingua galega por parte da Xustiza ou como non se fan accesíbeis, nas linguas rexionais ou minoritarias, os textos lexislativos nacionais máis importantes e os que afectan principalmente aos que empregan estas linguas.

Outro dos asuntos que trataron é a escasa concreción e adaptación normativa da lexislación actual coa CELRM. A vicepresidenta da Mesa aclarou que “mesmo existen textos legais que negan os dereitos que se recollen na Carta europea, como a Lei orgánica do poder xudicial ou a Lei de axuizamento civil”.

Por último, Quintas denunciou o nulo compromiso que existe por parte do Ministerio de Xustiza e da Xunta de Galiza co galego, vasco e catalán, xa que na actualidade carécese de aplicacións e programas informáticos que permitan realizar os trámites xudiciais nestas linguas, obrigando a facelo exclusivamente en castelán.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra