Pretenden impulsar o papel normalizador da CRTVG aplicando as medidas contempladas no Plan e compartidas por todas as forzas políticas
Marcos Maceira: “o compromiso dos partidos coa lingua, nomeadamente do PP que ten maioría, se é real, débese concretar en feitos e esta é unha boa oportunidade para executalos”
“O galego precisa de medios de comunicación ao servizo de Galiza e atentos á súa realidade cultural, social, política, que amplíe a oferta a público infantil e xuvenil, que impulsen a dobraxe e a distribución de produtos audivisuais, e que prestixen a lingua”
Santiago de Compostela. 8 de outubro de 2015-. A Mesa pola Normalización Lingüística, a través do seu presidente Marcos Maceira e da reponsábel das Mocidades pola Normalización Lingüística, Sara Seco, fixo hoxe chegar a todos os grupos parlamentares unha proposta para a inclusión das principais medidas do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega dentro do Mandato Marco da CRTVG que o Parlamento debaterá proximamente.
Tendo en conta que o Parlamento aprobou por unanimidade este Plan en 2004, que foi ratificado por todas as forzas políticas Declaración de Unidade a prol da Normalización da Lingua Galega impulsada pola Mesa, o 15 de xullo de 2015, desde a maior asociación de defensa da lingua de Galiza, consideran que “ningún grupo debería pór impedimentos para a introdución como emendas das 26 medidas que se propoñen”, á que se engade un convenio para a reciprocidade de emisións en Galiza e Portugal da RTP e a RTVG tal e como contempla a Carta Europea da Linguas.
“A reiteración da vontade e do compromiso coa normalización do galego, non é máis que unha declaración de amor baleira se non se concreta en feitos” sinalou Maceira, polo que “a introdución destas medidas no articulado do mandato marco da CRTVG é unha oportunidade para todos os partidos, mais de xeito particular para o PP que ten maioría parlamentar, de demostrar con feitos e accións que son sinceros”.
A Proposta de inclusión do PXNLG no Mandato marco da CRTVG pretende afortalar o compromiso da CRTVG co seu papel central como axente normalizador, introducindo accións concretas para mellorar, ampliar e actualizar a programación infantil e xuvenil; unha programación ampla de temática cultural, social e política galega ao servizo de Galiza e que reflicta a súa pluralidade; dotarse dun amplo abano de especialistas galegos en diversos temas e por tanto coñecedores da lingua galega; compromiso da TVG para acordos de dobraxe, lexendado e distribución de produtos audiovisuais en galego, e convertir a RTVG nun referente dun idioma de calidade baseado na autenticidade, na estandarización e na funcionalidade do idioma dotándose dunha programación prestixiadora da lingua.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, reiterou a disposición da Mesa a seguir realizando propostas en todos aqueles aspectos necesarios para a rehabilitación, reposición e recuperación da lingua galega a todos os niveis, e cara a súa plena normalidade.