A Mesa reclama investigar e sancionar as actitudes reiteradas contra o galego da Garda Civil de Gondomar

Denuncia a actitude de desprezo continuada á lingua propia e coficial en Galiza no cuartel de Gondomar

No mesmo cuartel negáronse no verán de 2015 a tramitar unha denuncia por estar formulada en galego e agora queren sancionar o concello por utilizalo

 

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2017-. A Mesa pola Normalización Lingüística solicitou hoxe ao Ministerio de Interior a apertura dunha investigación para determinar e depurar as responsabilidades nos casos de ataques sistemáticos e persecucións ao uso do galego producidos na cuartel da Garda Civil de Gondomar.

“A actitude contra a lingua propia e cooficial en Galiza neste cuartel é reiterada”, sinala Marcos Maceira, presidente da Mesa, e lembra que “no verán de 2015 a Mesa fixo pública unha queixa pola negativa do posto da Garda Civil a atender unha denuncia de roubo por estar feita en galego, que derivou nunha simples desculpa por parte da Comandancia de Pontevedra que, porén, recoñeceu os feitos”.

O último ataque e desprezo pola utilización da lingua galega produciuse nos últimos días ao solicitar desde o corpo policial, unha sanción ao Concello de Gondomar por usar o galego nos sinais de tránsito.

Para a Mesa este tipo de comportamentos en organismos estatais, con función policial, é extremadamente perigoso xa que “quen ten que velar pola posibilidade de exercicio dos dereitos fundamentais, como é o dereito ao uso da lingua propia, non pode encabezar a súa persecución. Neste caso a gravidade é maior porque a situación de vulnerabilidade das e dos cidadáns perante a forza pública é evidente, afirmou Maceira.

A Mesa pola Normalización Lingüística dirixiuse hoxe ao Ministerio do Interior, así como á Comandancia de Pontevedra para reclamar unha investigación e a depuración de responsabilidades, xa que o sectarismo ideolóxico e o racismo lingüístico non se pode consentir nun estado democrático e menos se parte de institucións do propio estado.

Na mesma liña dirixirase á Secretaria Xeral de Política Lingüística e a Valedora do Pobo exixindo que actúen  para evitar estes casos en Gondomar e no resto de destacamentos da Garda Civil e Policía Nacional en Galiza.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra