A Mesa rematará a ILP Sentido Común cunha forte presenza na rúa

A Mesa pola Normalización Lingüística redobrará esforzos na recollida de apoios para esta Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) Sentido Común que promove para garantir os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico.

Con motivo do remate da campaña, a Mesa multiplica esta semana a súa presenza na rúa con máis de 10 postos por todo o país para que a poboación galega poida asinar esta iniciativa e apoiar o galego no ámbito empresarial.

Os lugares nos que estará a entidade serán:

  • Vigo: 5 de setembro facultade de ADE e 6 de setembro na rúa Príncipe de 17:30 a 20:00
  • Tomiño: 6 de setembro, praza do Seixo de 10:30 a 13:30
  • Ourense: 6 de setembro, rúa do Paseo de 18:00 a 20:00
  • Ferrol: 7 de setembro, praza de Armas de 11:00 a 14:00
  • Lugo: 7 de setembro, praza de Santo Domingo de 12:00 a 14:00
  • Santiago: 8 de stembro, praza do Toural de 11:00 a 13:30
  • A Coruña: 8 de setembro, rúa Barcelona (mercado das Conchiñas) de 11:00 a 13:30
  • Fisterra: 8 de setembro, paseo da Ribeira de 18:00 a 21:00
  • A Laracha: 9 de setembro, paseo marítimo de Caión de 17:00 a 19:00

O presidente da asociación en defensa do galego, Marcos Maceira,informou de que esta ILP que pretende facer efectivo o dereito básico a empregarmos o galego sempre e con normalidade, tivo unha gran acollida como demostra o feito de xa ter duplicado o número mínimo exixido e superado as 20.000 sinaturas.

Con esta iniciativa A Mesa pretende impulsar un desenvolvemento legal que fixe o contido mínimo dos dereitos lingüísticos nas relacións comerciais, xa que a súa inexistencia, malia ser o galego unha lingua cooficial en Galiza, provoca continuamente situacións de vulnerabilidade, indefensión, denegación da atención e na prestación dos servizos.

Os principais puntos que sinala esta proposta de Lei impulsada pola Mesa son:

1. Dereito á atención en galego.

2. Dereito a recibir en galego calquera información, avisos ou instrucións, de maneira oral ou escrita, calquera que sexa o formato.

3. Dereito a dispor de contratos e formularios en galego.

4. Respecto pola toponimia galega, única e oficial.

5. Dereito a termos opción de galego na teleatención.

6. Exemplo das administracións públicas ao contratar servizos, garantindo a capacidade de atender e entender en galego e primando na contratación quen respecta a nosa lingua.

7. Campaña informativa dos dereitos lingüísticos pola Xunta de Galiza.

A campaña terminará a finais de setembro coa presentación da sinaturas no Parlamento de Galiza. A partir dese día día ficarase a data do debate para a súa toma en consideración polo Parlamento

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra