A Mesa solicítalles aos partidos políticos compromiso co galego

Santiago de Compostela 17-06-2016.- Con motivo da campaña electoral para as eleccións xerais do 26 de xuño, A Mesa solicita que todos os partidos que se presentan mostren un compromiso co galego para mellorar a súa situación pois queda moito para conseguirmos verdadeira igualdade e oficialidade real.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística afirmou “que o dereito a vivir en galego con plena normalidade non está garantido e hai que actuar para realizar mudanzas lexislativas pois aínda en 2016 hai máis de 500 disposicións legais que amparan ou obrigan ao uso do castelán fronte a menos dunha decena a favor do galego e que no mellor dos casos consenten simplemente o seu uso”.

Neste sentido A Mesa pola Normalización Lingüística informa que o executivo en funcións do goberno español aprobou en apenas dous meses 8 normas legais que regulan 39 puntos impositivos do español polo que pide dos partidos políticos un compromiso para mudar esta situación de discriminación lingüística.

A Mesa solicítalles a todos os partidos políticos un compromiso co galego nas súas declaracións e actos de campaña das eleccións xerais. As declaracións de diferentes persoas destacadas do Partido Popular con argumentos de imposición do galego non respecta a Declaración a prol da unidade a favor da lingua galega, que o 15 de xullo de 2015 asinaron todos os partidos políticos, incluído o PP, na que se sinalaba que era preciso abrir unha nova etapa de normalidade para a lingua galega.

Marcos Maceira lembrou que “a Declaración baséase nun acordo para tomar como punto de partida a Lei de normalización lingüística, a Lei de uso do galego como lingua oficial de Galiza polas entidades locais e o Plan xeral de normalización da lingua galega de 2004”.

As organizacións políticas galegas, coas súas diferentes alternativas, proxectos e ideoloxías, manifestaron unidade na vontade de normalizar a lingua galega e devolverlle o protagonismo que nunca debeu perder, retomando e iniciando todas as medidas e accións que foren precisas para a súa reposición, rehabilitación e plena normalidade, comprometéronse a reactivalas e promovelas en todas as áreas e institucións onde teñan responsabilidade de goberno.

A Mesa pola Normalización Lingüística propón varias medidas para avanzar na normalización da lingua galega e, entre elas, Marcos Maceira destacou “elaborar de maneira ampla e consensuada un novo decreto para o uso do galego no ensino, que atenda aos principios de normalización lingüística” e tamén “garantir unha oferta ampla de liñas de ensino infantil en galego en todas as vilas e cidades pois os datos mostran unha exclusión do galego na educación infantil das cidades”.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra