A Mesa agarda que outras entidades bancarias sigan o exemplo de Abanca e faciliten a documentación en galego
Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2018. A Mesa denunciou en xaneiro que Abanca impoñía o uso do castelán na relación coa clientela nos contratos de crédito ao consumo. Os contratos incorporaban un punto denominado “Régimen lingüístico” no que aseguraban que “la información y términos contractuales se facilitará en castellano. Con su consentimiento, durante la duración del contrato nos comunicaremos con usted en castellano”. Esta cláusula non podía modificarse polo que era obrigatorio renunciar ao emprego do galego de querer contratar o crédito. A Mesa trasladáralle a necesidade eliminar este tipo de discriminacións, máxime cando a entidade ten maioría de clientela galega e os seus negocios se centran en Galiza.
Abanca comeza a respostar as queixas sobre a exclusión do galego nos contratos de crédito de consumo. Na resposta anuncia que vai incorporar a lingua galega, en documentos e formularios de uso habitual na entidade, de maneira progresiva até acadar o 100% nun breve período de tempo.
Desde a Mesa amosan a súa satisfacción polo anuncio de que están traballando para “ter a disposición da clientela os documentos máis habituais en idioma galego, co obxectivo de acadar un cen por cento de normalización no menor tempo”.
O presidente da Mesa Marcos Maceira, considera que “esta é unha mostra de que, cando exercemos os dereitos lingüísticos e non permitimos a súa vulneración gañamos nós, gaña a lingua galega e a sociedade en xeral”.
“Que Abanca incorpore a lingua galega nos documentos é un paso importante pois contribuirá a visibilizar o idioma propio de Galiza no ámbito socioeconómico, deste feito deben tomar nota outras entidades financeiras que reiteradamente incumpren a lexislación e non ofrecen a posibilidade de que en Galiza a súa clientela poida dispoñer da documentación ou atención en galego. Desde a Mesa pola Normalización Lingüística agardamos que o resto de entidades bancarias sigan o exemplo de Abanca” apunta Maceira.
Finalmente Maceira anima a empregar a Liña do Galego, servizo gratuíto da Mesa para consultas, queixas e parabéns relacionadas cos dereitos lingüísticos, pois demostra ser unha ferramenta moi útil para impedir que se vulneren os dereitos das persoas galegofalantes e para conseguirmos avanzar na normalización da lingua galega”.
Imaxe de portada: Vigoé