A Mesa viaxou a Euskal Herria para reunirse con entidades que traballan a prol da normalización lingüística

A Mesa reuniuse con diversos colectivos e entidades que traballan na promoción e defensa do euskera

A Mesa pola Normalización Lingüística realizou unha visita de tres días a Euskal Herria para manter diversos encontros de traballo con asociacións e colectivos en defensa e promoción do euskera. A delegación da Mesa estivo formada polo seu presidente, Marcos Maceira, e pola secretaria xeral da Mesa, Mónica Pazos.

A primeira das xuntanzas mantidas foi con responsábeis de Kontseilua, Consello de Organismos Sociais do Eúskaro. Participouse tamén nun encontro co director de Bai Euskarari Rober Gutiérrez, que amosou o traballo na promoción e fomento do euskera no mundo laboral co certificado bai euskarari como ferramenta principal. Este certificado creouse no ano 2000 e dáselle a aquelas empresas e negocios que destacan no emprego do euskera.

Tras esta xeira de contactos en Andoain, Maceira e Pazos desprazáronse até Iruñea para manter unha xuntanza con Garbiñe Petriati directora de Behatokia, observatorio que vela polo cumprimento dos dereitos lingüísticos da cidadanía nos territorios do euskera. Esta entidade traballa especialmente en garantir os dereitos das persoas falantes de euskera no ámbito público e económico.

Behatokia foi pioneira na utilización e creación de aplicacións dixitais e informáticas que permiten enviar parabéns a empresas e institucións que promoven o uso do euskera, así como denunciar casos de vulneracións de dereitos lingüísticos. Neste sentido, contan cunha aplicación similar á Liña do Galego que ten a Mesa pola Normalización Lingüística.

Para o presidente da Mesa Marcos Maceira, estes contactos permitirán mellorar o traballo social que realizan as entidades, pois “foron tres días nos que establecemos sinerxías, intercambiamos coñecementos e falamos sobre actividades de éxito para promover e protexer a diversidade lingüística”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra