Damos as grazas aos milleiros de persoas que se manifestaron polo dereito a vivir en galego sen límites

As rúas enchéronse para reclamar o dereito de usar o galego en todos ámbitos da súa vida cotiá

Marcos Maceira criticou Feixó polo incumprimento dos acordos en

relación á lingua e “as declaracións de amor e novos plans para agochar o maltraro diario a lingua”

“A lingua non é un complemento senón necesidade para a existencia do pobo galego”

No días das Letras Galegas celebrouse en Santiago de Compostela unha multitudinaria manifestación polo dereito de vivir en galego sen obstáculos na que participaron miles de persoas. Co lema “en galego sen límites” a plataforma cidadá puxo en evidencia os innumerábeis obstáculos para vivirmos en galego con normalidade, e a exclusión sistemática do idioma da maioría dos espazos. A manifestación saíu da Alameda ás 12:00 h para chegar á Praza da Quintana ás 12:30h.

Antes de dar comezo á manifestación, o presidente da Mesa e portavoz de Queremos Galego declarou que “se o galego ten restrinxidos espazos de uso, non hai liberdade para o usar en todo lugar”, e atribuiu ao “apartheid lingüísitico”, a baixa en falantes como se comproba ano a ano. Para Maceira “é a presión social a que que mantén viva a lingua no uso e nos espazos onde está”.

O portavoz de Queremos Galego reclamou ao goberno de Núñez Feixó que escoite actúe, “non anunciando novos plans como agora para a mocidade, senón cumprindo cos acordos xa establecidos e que van xusto noutra dirección”. “Deben retroceder nas accións contra a lingua como o decretazo no ensino e deben actuar para eliminar todas as barreiras que impeden vivir en galego”, engadiu.

A manifestación, que se desenvolveu nun ambiente festivo e animado, contou no final coa participación os regueifeiros Bieito Lobariñas e Josiño da Teixeira e coa actuación da cantora e mestra Belem Tajes. Rematou co himno galego a cargo dos Gaiteiros AntiLomce.

O acto final foi presentado pola actriz Isabel Risco e durante o mesmo interviron o actor e director de dobraxe Miguel Pernas, a estudante Karina Pereira Rei, a avogada Guadalupe Vidal, a Membro do Comité da empresa de Eurocen Patricia Cordo e o activista da lingua Cibrán Arxibai. Estas persoas representantivas de diversos sectores sociais puxeron de manifesto os problemas cotiás para o galego. Así, denunciaron a inexistencia do galego na dobraxe de filmes, os problemas para restaurar apelidos ou a deturpación da toponimia, a imposibilidade práctica de uso do galego na xustiza e administración, as consecuencias laborais da exclusión do galego, e a prohibición de uso no ensino.

Ao final do acto, fixo o seu discurso o voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, que manifestou que “a lingua galega non é un complemento senón que se trata dunha necesidade para o pobo galego. “Mais a Xunta de Galiza, co presidente Feixó á cabeza, non só incumpre a cativa legalidade que amapara o noso idioma, senón que non ten ningún problema en fachendear de actuar directamente en contra”.

No que se refire á educación calificou de maltrato á combinación entre a LOMCE e o decretazo afirmando que “reduce aínda máis a presenza do galego nas aulas, até o punto de que é imposíbel que acade o limite máximo imposto. Nada de ensino en galego, só afogamento en castelán”. Condenou tamén a pasividade da valedora do Pobo con isto mentres non dubidou en “pedir a cartilla de vacionación en castelán” ou en participar no acoso a un centro escolar “por pendurar un cartaz a favor do galego”.

Porén, sinalou, “o ensino non é o único ámbito de exclusión e de limites para o galego” e mostrou como exemplo o que acontece nas administracións. “Aí está a nova ofensiva do Estado contra as linguas que obriga os concellos a publicaren os seus documentos no portal da administración en castelán. O resultado é o retroceso do galego na administración local”.

O voceiro de Queremos Galego remarcou a ausencia do galego na maior parte da economía, da xustiza, da administración, do ensino, da saúde, do lecer ou dos medios de comunicación e apelou á solución de normalizala “coa mobilización colectiva e coa nosa actuación diaria repóndoa, así, en todos os espazos onde aínda insisten en expulsala”.

Maceira continuou o seu discurso facendo saber que “somos a única nación do Estado coa lingua propia a perder falantes mais, tamén, a única na que o pobo está só co seu idioma sen goberno que o acompañe”. Por iso, proseguiu, “é importante mobilizarnos en días coma hoxe e facer o que o goberno non fai […]. É a nosa forza, a nosa constancia e perseveranza a que pode reverter a situación. Temos que seguir a reconquistar o dereito de uso que non ten recoñecido o noso idioma e avanzar cara á oficialidade real”.

Para gañar falantes primeiro hai que ter a liberdade absoluta de empregar o noso idioma e, por iso, A Mesa está a chegar estes días a toda Galiza a ILP para garantir o dereito ao uso do galego no ámbito socioeconómico e a cal recolle e adapta para Galiza o establecido na Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos e no Protocolo de Donostia. Esta ILP pretende garantir o dereito a vivir plenamente en galego, sen barreiras nin discriminacións.

 

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra