Movistar négalle a atención a unha clienta por falar galego

Marcos Maceira: “O 95% das empresas de atención telefónica néganos a opción de falarmos galego, vulnerando dereitos básicos e destruíndo emprego en Galiza”

A Mesa chama á sociedade a activarse e difundir a campaña, “Queremos atención en galego, queremos traballo aquí” que realiza xunto á CIG dos Centros de chamadas

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia un caso de discriminación lingüística na empresa de telecomunicacións Movistar que lle negou atención a unha cidadá por se expresar en galego, vulnerando os seus dereitos e a lexislación sobre a oficialidade do noso idioma.

Santiago de Compostela. 1/06/2015-. Segundo as queixas recibidas pola Mesa a través da Liña do Galego, unha traballadora do 1004 de Movistar negouse a atender a chamada dunha cidadá porque esta se expresaba en galego. O feito tivo lugar o pasado martes, 26 de maio pola mañá cando unha clienta chamou por teléfono ao 1004, liña de atención telefónica de Movistar A Coruña, porque o seu teléfono móbil non se ouvía ben. Despois de varias opcións, na de Reparar e substituír tiña que dicir Terminal. A continuación atendeuna unha persoa que cando a clienta comezou a falar en galego colgoulle o teléfono despois de dicirlle: “En este departamento no atendemos en gallego”.

A Mesa salientou que o feito de non ser atendida só polo feito de se expresar no seu idioma supón un grave prexuízo e unha inadmisíbel discriminación para esta cidadá. É unha falta de atención grave, unha agresión persoal e un maltrato polo feito de empregar o galego.

Esta situación vulnera claramente a lexislación vixente sobre os dereitos lingüísticos da cidadanía. A Mesa dirixirase a Movistar para denunciar estes feitos e exixir que cumpra a lexislación e se garantan os dereitos lingüísticos da cidadanía galega.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, salientou que este tipo de actitudes por parte das empresas que ofrecen servizos de atención teléfonica á súa clientela, están ademais a repercutir gravemente na economía galega. O sector da teleatención ocupa agora mesmo a cerca de 5000 persoas en Galiza, só entre o ano 2010 e 2012 (último ano do que se dispoñen datos), 2040 persoas perderon o seu emprego vítimas da deslocalización, á que contribúe o feito de só 5% destas empresas ofertaren opción de atención en galego.

A Mesa solicita a colaboración da cidadanía, dirixindo a través das redes redes sociais á empresa Movistar e difundindo a campaña que a asociación en defensa do galego “Queremos atención galego, queremos traballo aquí”, está a levar adiante en colaboración co persoal do sector a través da CIG dos centros de chamadas.

“A implicación da sociedade, como posíbeis usuarios e usuarias destes servizos é fundamental non só para evitar que se volten a producir casos  graves de discriminación lingüística, senón tamén para garantir a opción de utilizarmos o galego nestes servizos e manter os postos de traballo en Galiza dun sector que cada ano crece máis” destacou o presidente da Mesa.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra