A Mesa pola Normalización Lingüística recibiu, a través da Liña de Galego, a queixa dun cidadán que presentou un escrito na nosa lingua na atención cidadá dos xulgados da Coruña e recibiu, por resposta, un escrito no que o Consello Xeral do Poder Xudicial lle informa de que “a lingua dos procedementos tramitados pola Administración Xeral do Estado será o castelán”, ignorando o obxecto inicial da súa solicitude.
A Mesa pola Normalización Lingüística recorda que o artigo citado abusivamente pola máxima autoridade xudicial do Estado continúa dicindo que “non obstante o anterior, os interesados que se dirixan aos órganos da Administración Xeral do Estado con sede no territorio dunha Comunidade Autónoma poderán utilizar tamén a lingua que sexa cooficial nela“. A entidade destaca, tamén, que a resposta foi remitida directamente desde o Consello Xeral do Poder Xudicial e non desde o Rexistro Civil, a quen se dirixiu inicialmente o escrito.
Para a Mesa pola Normalización Lingüística, o acontecido é especialmente grave, no só por negárselle atención a un cidadán por se dirixir en galego á administración, mais tamén por “ter recibido unha resposta incorrecta do punto de vista legal da propia administración de xustiza, á que se supón veracidade na información que transmite”. A Mesa lamenta, tamén, que a Xunta de Galiza decidise remitir unha solicitude para o rexistro civil da Coruña ao Consello Xeral do Poder Xudicial, pretendendo que resolvesen en Madrid unha xestión simple solicitada en galego.
“Que a cidadanía ten dereito a ser atendida en galego está claro desde a aprobación da lei de normalización linguística en 1983”, recorda o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “é un dereito reforzado pola ratificación dun tratado internacional como a Carta Europea das Linguas en 2001 que sinal no seu artigo X que a lingua dos procedementos será a minorizada, a petición dunha das partes”. “Malia todo o sinalado”, lamenta Maceira, “a presenza do galego nos procedementos xudiciais é inferior ao 1% e nen sequera o programa informático Minerva Nox que a Xunta fornece á xustiza ten opción en galego”.
O presidente da entidade de defensa da lingua recorda que a Mesa pola Normalización Lingüística conta cun servizo gratuíto para tramitar queixas diante da vulneración dos dereitos lingüísticos, así como parabéns para quen dea pasos cara a garantia do dereito a vivir en galego. Trátase de A Liña do Galego, dispoñible tanto na web como a través dunha app de descarga gratuíta.