Ningunha das 10 canles temáticas infantís e xuvenís das operadoras de TV ofrecen contido en galego

O Informe Xabarín evidencia a exclusión da lingua galega nos contidos audiovisuais tanto en versión orixinal como dobrada ou lexendada, tamén nas plataformas de TV, con só 1 de cada 1000 títulos en galego

A Mesa móstrase esperanzada en mudar a situación após a receptividade mostrada polos grupos parlamentares á Iniciativa Xabarín que se debaterá en maio no Pleno do Parlamento após ser asumida por BNG e PSdG

Facemos público esta mañá o Informe Xabarín, un estudo sobre a presenza do galego nas operadoras e plataformas de contidos audiovisuais que conclúe que ningunha das dez canles temáticas infantís que oferecen de media as principais operadoras de TV por fibra óptica ofrece contido en galego e que só 25 dos máis de 25000 títulos no catálogo global que ofrecen as operadoras recolle a opción do galego, ben en versión orixinal, dobrada ou lexendada. Ademais, o informe recolle que TVE non chega a 40 minutos diarios en galego fronte ás 119,4 h diarias en castelán.

 

 

Difundimos os resultados deste demoledor informe despois de nos reunir cos grupos parlamentares de PP, BNG e PSdG para presentarlles a Iniciativa Popular ao Parlamento de Galiza para instar ao goberno galego a tomar as medidas precisas para que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas a través dunha canle “Xabarín”, con programación atractiva, actual, educativa e de produción galega dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas dixitais, así como nunha App actualizada para todos os dispositivos e que conte ademais con programas e xogos. A iniciativa tamén insta tamén a que toda a programación televisiva, incluídas as plataformas e TVE, teñan versión en galego orixinal, dobrada ou lexendada.

 

 

Para o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “a receptividade mostrada polo grupos parlamentares é esperanzadora”. As posíbeis dificuldades técnicas e administrativas na emisión dunha canle Xabarín da TVG por TDT poderían ser salvadas incluíndoa nos paquetes básicos de TV por fibra optica, satélite, adsl e tecnoloxía móbil así como dispoñibilizando a App Xabarín para todos os dipositivos e Smart TV. A iniciativa Xabarín promovida pola Mesa procura tamén que Parlamento galego reclame ao goberno español que TVE exerza como canle pública dobrando e lexendando ao galego todos os seus contidos e que as cotas que fixará a nova Lei Xeral do Audiovisual para o castelán na dobraxe lexendaxe ou financiamento de producións audiovisuais, sexan idénticas para o galego. Deste xeito, ademais dos posíbeis acordos coa Xunta, tamén a lexislación garantiría os contidos en galego en pltaformas como HBO, Netflix ou Filmin.

 

 

“O galego ten que deixar de estar excluído da oferta audiovisual” recorda Maceira. “É lamentábel que unha meniña ou un meniño galego en Galiza teña mais opcións de visualización contidos en francés ou un rapaz ou unha rapraiga en chinés ou árabe que en galego” denuncia. “Os datos falan por si sós e esperamos que a vontade por corrixir esta situación, manifestada á Mesa por todos os grupos, se concrete na aprobación unánime da iniciativa Xabarín para que a Xunta e a TVG fagan o que está da súa man mais tamén para que o Estado cumpra cos mínimos que ten calquera lingua oficial” conclúe o responsable da entidade de defensa da lingua.

Todos os partidos entenderon que o galego non pode ficar excluído da oferta audiovisual e que cómpren medidas urxentes. Neste momento, só a TVG garante a presenza do galego na grella televisiva, mais cómpre ampliar a súa oferta cunha canle temética Xabarín para operadoras como R, Movistar ou Vodafone ademais de adaptar a App Xabarín a todo tipo de dispositivos.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra