A app do Ministero de Sanidade para a Covid-19 ignora as linguas co-oficiais do Estado

A Mesa tramitou unha queixa a través da Liña do Galego pedíndolles ás institucións sanitarias españolas que rectifiquen e lamentando a indefensión á que somete o goberno á cidadanía ao eliminar a súa lingua da xestión da pandemia

Compostela, 10 de agosto de 2020.- A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que a App “Radar Covid” creada polo Ministerio de Sanidade do goberno do Estado para que a poboación faga seguemento da situación da pandemia ao seu arredor está dispoñíbel só en español e en inglés, ignorando todas as linguas co-oficiais. “O Estado pensa que a Covid só entende español e inglés, mais a loita contra o virus faise tamén en galego”, asegura o presidente da Mesa, Marcos Maceira. “Temos dereito a recebermos información, atención e axuda sobre a Covid en galego”, recorda, a pesares de que nin o goberno de Galiza nin o de España o respecten.

A Mesa, que tramitou unha queixa a través da Liña do Galego pedíndolles ás institucións sanitarias que rectifiquen, vén denunciando dende o pasado mes de marzo que “a atención que se nos presta aos galegos e ás galegas no noso idioma é practicamente inexistente en todo o relativo á Covid”, dando lugar a “unha grave limitación ao noso dereito fundamental a expresármonos no noso idioma coa administración autonómica”. O desprezo pola nosa lingua amósase na atención telefónica, na app do Sergas (que ofrece a información sobre o Coronavirus en castelán aínda que estea habilitada a opción en galego), nas formacións especializadas sobre a pandemia e no feito de que o presidente e os cargos políticos do sistema galego de saúde prioricen o español nas súas comparecencias públicas sobre a Covid.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra