Noticias Noticias da Mesa

A Asamblea Xeral da Rede Europea pola Igualdade das Linguas reclama a derrogación do Decreto do Plurilingüismo e o tratamento igualitario de todas as linguas oficiais na nova Lei do Audiovisual

O secretario xeral de ELEN, Davyth Hicks, denunciou esta mañá en Santiago de Compostela o “fracaso xeral da Unión Europea para actuar en defensa das nosas linguas”

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2021.- A Asamblea Xeral da Rede Europea pola Igualdade das Linguas (ELEN) que se celebra estes días no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, reclamou que os gobernos de Galiza e España atendan as esixencias do Consello de Europa e se derrogue o Decreto do Plurilingüismo, se garanta que o galego sexa a lingua vehicular de todas as asignaturas en todas etapas educativas e que exista un tratamento igualitario para as linguas cooficiais na nova Lei do Audiovisual nunha rolda de prensa ofrecida por Davyth Hicks, secretario xeral da entidade europea, e Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e recentemente reeleito vicepresidente de ELEN.

As 35 delegadas e delegados que participaron na Asamblea Xeral de ELEN, en representación de 47 linguas de 24 Estados europeos, expresaron tamén a súa preocupación pola crise xerada en Franza pola sentenza do tribunal constitucional sobre a Lei Molac, que socava a inmersión lingüística na educación, e acordaron manter activa a apelación presentada ao respecto por ELEN perante a ONU. Outro dos grandes temas que centrou a atención das persoas participantes no enconto foi a Lei da Lingua Irlandesa nos 6 condados e a preocupación por cando chegará ao Parlamento británico. O secretario xeral de ELEN, Davyth Hicks, denunciou o “fracaso xeral da Unión Europea para actuar en defensa das nosas linguas”. En relación a Galiza, Maceira e Hicks insistiron en que o goberno galego “debe dar cumprimento sen demora ás reclamacións do consello de Europa garantindo o galego como lingua vehicular en todas as etapas e materias do ensino”.

“Fronte ao cuestionamento da democracia e dos dereitos fundamentais”, afirmou Maceira, “a defensa das linguas está a xogar un papel de primeira orde en Galiza e en toda Europa”. “Defender as linguas, procurar a súa completa igualdade e o recoñecmento de dereitos”, engadiu o presidente da Mesa, “é parte esencial da loita democracia”. “Todas as discriminacións deben ser eliminadas, tamén a lingüística”, rematou, “a que mostra máis claramente a diversidade e a pluralidade”.

A asamblea acordou, tamén, o nomeamento da galesa Elin Haf Gruffydd-Jones -que comezou e pechou a súa intervención falando galego- como nova presidenta da entidade e recoñeceu o labor desenvolvido por Paul Bilbao-Sarria, secretario xeral de Kontseiua, nomeado socio de honra da Mesa pola Normalización Lingüística.

A Rede Europea para a Igualdade das Linguas ten como obxectivo a promoción e protección das linguas europeas menos utilizadas, traballar no sentido de igualdade e para ser unha voz para os falantes de linguas a nivel local, rexional, nacional, europeo e internacional. Representa 47 comunidades lingüísticas con 168 entidades de 23 Estados europeos e ten carácter de organismo consultivo do Parlamento Europeo, do Consello de Europa, das Nacións Unidas e da UNESCO. Forma parte, ademais, da Plataforma de ONG da Comisión Europea para Multilingüismo, a Plataforma de ONG para Cultura, a Plataforma de ONG para a Axencia de Dereitos Fundamentais da UE, e do Consello Económico e Social da ONU.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Doazóns

Realiza unha achega económica puntual para axudar no funcionamento da asociación. Colabora aquí

Ler máis
Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis