Noticias Noticias da Mesa

A comunidade educativa pídelle á Xunta diálogo para normalizar o galego no ensino

Colectivos docentes, movementos de renovación pedagóxica, ANPAS e a Mesa pola Normalización Lingüística insisten en que o Goberno galego ten que sentarse a dialogar “para cumprir coas demandas do Consello de Europa, da ONU, da sociedade galega e da propia comunidade educativa”

Compostela, 26 de novembro de 2020.- Membros dos colectivos que elaboraron a Proposta de bases para a normalización do galego no ensino en Galiza pedíronlle á Xunta que se sente a dialogar coa comunidade educativa, nunha rolda conxunta diante da Consellería de Educación. “Insistiremos todo o que faga falta e esgotaremos todas a vías ata conseguir que falen con nós”, aseguran.
A Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), Nova Escola Galega (NEG), a Confederación de Anpas Galegas, a Confederación Intersindical Galega – ensino (CIG Ensino), a Confederación Sindical Independente de Funcionarios- Ensino (CSIF- Ensino) e o Sindicato de Traballadores/as do Ensino de Galiza (STEG) elaboraron esta proposta conxunta para dar solución ás necesidades detectadas polo Consello de Europa, que a finais de 2019 aseguraba que se deben “eliminar as limitacións ao ensino en galego en Galiza”.

Solicitaronlle ao Conselleiro de Educación que se reunise con representantes destas organizacións, para poder presentarlle a proposta, pero non obtiveron ningunha resposta. “A única resposta á nosa solicitude de diálogo foron as declaracións do Conselleiro e do Presidente baseadas na mentira e na manipulación contra o recoñecemento mínimo á existencia dunha realidade plurllingüe no Estado”, denunciou esta mañá o presidente da Mesa, Marcos Maceira. “Respecto ao Decreto”, engadiu, “aínda se atreveron a sinalar este domingo que non é o mellor mais si o máis consensuado. A nosa presenza aquí demostra a falsidade”.

As entidades que elaboraron esta proposta representan a maioría do profesorado, Anpas e movementos de renovación pedagóxica e denuncian que ante a súa oferta de diálogo non recibiron da Xunta máis que silencio. Insisten ten que o Goberno galego ten que sentarse a dialogar con eles para cumprir coas demandas do Consello de Europa, da ONU, da sociedade galega e da propia comunidade educativa. “Pensa a Xunta atender as indicación do Consello de Europa que leva sinalando o mesmo 10 anos e en cada resolución con máis intensidade?”, preguntábase Maceira esta mañá. “Pensa facer algo en relación ao informe da ONU no mesmo sentido?”, engadía, “Pensa a Xunta cumprir coa súa obriga de garantir o coñecemento de galego que todos os estudos sinalan que non se consegue?”. “A única lingua oficial cuxo coñecemento non se garante ao rematar cada unha das etapas educativas é a galega”, recorda.

“No confinamento agraváronse as dificuldades de uso do galego por dúas vías: a escaseza de materiais didácticos e o dominio de TVE nas aulas televisadas baseadas no curriculum”, recordou Maceira esta mañá, “onde estivo o presidente da Xunta entón?”. “Feixoo non está posto polas galegas e galegos para renegar da condición de galego e de presidente da Xunta á mínima oportunidade”, criticou, “senón para asumir a súa responsabilidade”.

A Proposta de bases para a normalización do galego no ensino en Galiza foi  elaborada conxuntamente por A Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), Nova Escola Galega (NEG), Confederación de Anpas Galegas, Confederación Intersindical Galega – ensino (CIG Ensino), Confederación Sindical Independente de Funcionarios- Ensino (CSIF- Ensino) e Sindicato de Traballadores/as do Ensino de Galiza (STEG).

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Doazóns

Realiza unha achega económica puntual para axudar no funcionamento da asociación. Colabora aquí

Ler máis
Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis