A comunidade educativa pídelle ao PP que levante o veto á lingua e que dialogue sobre a normalización do galego no ensino

A comunidade educativa lamentou esta mañá nunha rolda de prensa conxunta no Parlamento de Galiza que o Partido Popular vetase a súa participación no debate sobre a normalización do galego do ensino, pedíndolle ao PPdG que “levante o veto á lingua” e que “dialogue sobre a normalización do galego no ensino”. Responsables de A Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), Nova Escola Galega (NEG), Confederación de Anpas Galegas, Confederación Intersindical Galega – ensino (CIG Ensino), Confederación Sindical Independente de Funcionarios- Ensino (CSIF- Ensino) e Sindicato de Traballadores/as do Ensino de Galiza (STEG) recordaron que a Proposta de bases para a normalización do galego no ensino en Galiza foi elaborada de xeito conxunto por estas entidades e foi presentada a todos os partidos. “En outubro solicitamos unha reunión ao Conselleiro de Educación para presentarlle o texto”, recordou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira. E, finalmente, a deputada do BNG Mercedes Queixas solicitou a comparecencia das entidades propoñentes na Comisión de Educación do Parlamento para explicar esta proposta, ao que se negou o PP.

“Neste momento”, afirmou Maceira, “segundo o regulamento do Parlamento, deberiamos de estar comparecendo na Comisión de educación para explicar a que despois de 11 anos do mal chamado decreto de plurilingüismo, é a única proposta para a lingua galega no ensino. Porén, nosa presenza foi vetada pola presidenta da Comisión”. A proposta foi debatida e acordada por unha parte moi maioritaria da representación do profesorado, polos movementos de renovación pedagóxica e polas asociacións de nais e pais, ademais da Mesa. Foi resultado dun proceso de debate aberto, plural e sen exclusións, entre entidades diversas, con ideoloxías e posicionamentos diferentes mais sempre baseado exclusivamente no interese en garantir que o alumnado rematase todas as etapas con total competencia nas linguas cooficiais tal e como estabelece a lexislación.

“O resultado foi un documento que xa conta con moito máis apoio social do que o Decreto 79/2010″, asegurou Maceira, e” que ademais cumpre con todas as recomendacións do Comité de Ministros do Consello de Europa e que se axusta ao marco legal derivado da Lei educativa e da xurisprudencia”. “Esta proposta pode ser mellorada mais é a única que hai que cumpre con todos estes requisitos”, explicou, “é deber do Parlamento galego facer o que xa que fixemos as organizacións sindicais, de renovación pedagóxica, de normalización da lingua e de nais e pais: sentarse, falar e acordar. Tan dificil será facelo para o Partido Popular? O veto é a única resposta á única proposta para o galego no ensino?”.

Finalmente, o presidente da Mesa recordou que “o ensino debe contribuir a corrixir os problemas que hai na sociedade” e “Cando 1 de cada 4 menores de 15 anos asegura non saber falar galego temos un problema de emerxencia lingüística no que as institucións galegas, Xunta e Parlamento, deben actuar”. “Da nosa banda, presentamos unha proposta de bases para o diálogo, para sentármonos, falarmos e acordarmos futuro e esperanza para o galego e para a cohesión da sociedade galega”, concluiu, “se o goberno galego quere facelo e traballar a favor do galego só ten que que levantar o veto”.

Participaron Marília Cunha (CSIF Ensino), Xesús Bermello (CIG-Ensino), Fernando Rei (STEG), Xerardo Roca (AS-PG), Fernando Lacaci (ANPAS Galegas) e Marcos Maceira (Mesa pola Normalización Lingüística), que contaron co apoio de Mercedes Queixas (BNG) e Noa Díaz (PSOE).

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra