Noticias da Mesa

A Consellaría recoñece que o Decretazo elimina o galego das cidades

“Mesmo na versión edulcorada e hiperoptimista ofrecida por Vázquez no Parlamento, non lle queda máis remedio que recoñecer que o galego está ausente no 90% das aulas de educación infantil das cidades, onde se concentra grande parte da poboación”

“Recoñecer sen enrubiar que grazas á túa xestión o galego está ausente en 9 de cada 10 centros de infantil das cidades debería ser motivo suficiente para dimitir, ou para que un presidente galego merecente de tal nome te destitúa”

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

A_Mesa pola Normalización Lingüística respondeu esta mañá á nota publicada pola Consellaría de Educación na tarde de onte tras a comparecencia do conselleiro Xesús Vázquez no Parlamento para dar conta da aplicación do Decreto 79/2010, o tristemente célebre “decretazo contra o galego”.

 

Nesta comparecencia, malia os esforzos de Vázquez por retorcer as estatísticas e pintar un mundo de ideal equilibrio lingüístico nos centros galegos, non lle quedou máis remedio que recoñecer que este decreto supón a erradicación do galego nas aulas de educación infantil nas cidades: “Mesmo na versión edulcorada e hiperoptimista ofrecida por Vázquez no Parlamento, non lle queda máis remedio que recoñecer que o galego está ausente no 90% das aulas de educación infantil das cidades, onde se concentra grande parte da poboación”, sinalou o presidente da Mesa Marcos Maceira. Ou, citando literalmente a nota da Consellaría “E para que non haxa dúbidas – dixo [Vázquez] – o dato correspondente ao ensino infantil nas cidades galegas –Máis de 50 000 habitantes- acada o 10,4%”. Sen dúbida un dato que ilustra “o cumio de toda boa fortuna ao que o galego debe aspirar” segundo o Goberno de Feixó, ironizaron desde A Mesa.  

 

“Recoñecer sen enrubiar que grazas á túa xestión o galego está ausente en 9 de cada 10 centros de infantil das cidades debería ser motivo suficiente para dimitir, ou para que un presidente galego merecente de tal nome te destitúa.”

 

Desde A Mesa calificaron de “fraude” e “insulto á intelixencia” as cifras achegadas por Vázquez para o resto das etapas educativas. Neste sentido criticaron que a avaliación anual que a Consellaría ten que facer por lei sobre os resultados derivados da aplicación do decreto se limite a recoller as porcentaxes fornecidas nos PLC:  “O Proxecto lingüístico de centro é un documento administrativo, no que como non pode ser doutro xeito os centros manifestan a súa vontade de cumprir coa lexislación vixente, a mesma que limita por primeira vez na historia de Galiza o uso do galego nas aulas. Ademais, obviamente, non é un dato fiábel para avaliar con rigor o que pasa realmente nas aulas. Por iso mesmo a lexislación fala de avaliar o seu grao de cumprimento, porque o que se pon nos papeis non sempre é realidade, como pode comprobar calquera persoa cun mínimo de contacto coa sociedade”. Segundo apuntou Maceira “dar por cumprida a intención dos centros sinalada nos PLC sería igual que dicir que existe pleno emprego por estar recoñecido na lexislación o dereito ao traballo, ou que non hai desafiuzamentos por estar recoñecido o dereito a unha vivenda”. Desde A Mesa sinalaron que basta con reparar noutros indicadores, como a diminución dos libros de texto en galego, ou simplemente ter ollos na cara, para desconfiar do mundo ideal pintado por Vázquez.

 

Se a Consellaría quixese verdadeiramente coñecer os datos reais para avalialos faría o esforzo de elaborar un estudo rigoroso e presentarllo á sociedade, como malia as súas limitacións materiais fixo A Mesa. “É lóxico que a Xunta coñeza o estado dos centros a través do fax?” preguntouse o presidente da Mesa.

 

“Garantir a adquisición de competencias lingüísticas en galego é un dos obxectivos básicos da educación obrigatoria, unha das principais responsabilidades da Consellaría, polo que esta debería tomar máis en serio a súa avaliación en vez de limitarse a despachala cubrindo un formulario.”

 

Na nota feita pública onte pola Consellaría de Educación tras a comparecencia de Vázquez no Parlamento recoñécese que “xa no 2008 o Bipartito fora acusado pola Plataforma cidadá en defensa do galego de non garantir o uso do galego en infantil entre o alumnado das cidades”.  Neste sentido, A Mesa agradeceulle a Vázquez que admita que o mesmo que lle demandan a el é o que lle demandaban ao Bipartito en 2008 e a todos os gobernos anteriores que cumpra o estabelecido no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e na Carta Europea das Linguas e garanta o dereito das nenas e nenos das cidades galegas a recibiren educación en galego. “A diferenza entre as demandas da Mesa no 2008 e a actualidade é que daquela pediamos o cumprimento da lexislación, e hoxe temos que reiterar que cómpre con urxencia derrogar este decretazo e que a Xunta volte aos consensos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega”. Nese sentido, desde a asociación en defensa do idioma supoñen que as acusacións de politización da lingua que fixo onte Vázquez irían dirixidas ao actual vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, “que non dubidou en encabezar vergoñentas manifestacións contra o uso do galego na escola para gañar catro votos nas eleccións”.

 

 

 

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis