A Coruña.- A Mesa insta o alcalde da Coruña a non comezar o seu mandato “como un delincuente”

O presidente e o vicepresidente da asociación solicitaron formalmente esta mañá unha entrevista con Carlos Negreira

O presidente da Mesa, Carlos Callón, e o vicepresidente e responsábel da zona da Coruña, Fran Rei, acudiron esta mañá ao rexistro municipal do Concello coruñés para solicitaren formalmente unha entrevista co alcalde da cidade, Carlos Negreira. 

A Mesa solicita esta entrevista para coñecer de primeira man cales van ser as liñas da política lingüística do goberno municipal do Partido Popular na cidade da Coruña e para saber se o executivo de Negreira ten previsión de cumprir coa legalidade e, en consecuencia, garantir políticas decididas para a normalización da lingua propia de Galiza na vida municipal. Ademais, solicitaralle ao rexedor o seu compromiso de respectar e cumprir coa legalidade lingüística galega e mesmo o criterio defendido pola UNESCO e pola ONU de facer que a única toponimia oficial sexa a propia de cada territorio. 

A maior asociación cultural de Galiza xa amosara a súa preocupación polo que cualificara de “mensaxes histriónicas” de Carlos Negreira e do Partido Popular durante a pasada campaña electoral, ao converteren o incumprimento da lexislación e mesmo a modificación da Lei de Normalización Lingüística nun dos seus principais compromisos. Contrasta esta posición galegófoba do actual alcalde coa mantida en diferentes ocasións no seu exercicio de deputado no Parlamento autonómico, que mesmo o levou en 2004 a votar favorabelmente o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. 

En declaracións aos medios logo da entrega da solicitude de entrevista no rexistro municipal coruñés, o presidente da Mesa lamentou que Carlos Negreira “antepoña á tan necesaria cohesión social cuestións que dividen a sociedade, xeran crispación e dificultan a convivencia”. 

Carlos Callón censurou que xa na primeira noticia publicada na páxina web do Concello o mesmo día da toma de posesión do novo alcalde o nome oficial da cidade aparecese deturpado, se ben sinalou que ante a primeira denuncia pública da Mesa a noticia foi corrixida de inmediato. Porén, o dirixente da Mesa alertou que “o uso ilegal da toponimia” está a aparecer “como os cogumelos coa chuvia” en novos materiais que o Concello editou e publicou nestes últimos días. “A Mesa estará aí para sinalar e denunciar cada ilegalidade que se produza”, advertiu. 

O presidente da maior asociación cultural de Galiza considerou que o novo alcalde coruñés “ten na súa man” cumprir coa legalidade e coa obriga dos poderes públicos de promover con normalidade o uso do galego ou “converterse desde xa nun delincuente”. 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra