A Mesa pola Normalización Lingüística

A CORUÑA.- A Mesa solicita de Ikea “ novos avances” no proceso de galeguización da súa tenda da Coruña

A multinacional sueca confirmara no momento da súa implantación en Galiza a súa “aposta” polo galego

A pesar da boa vontade inicial amosada pola empresa, A Mesa constata que “aínda hai cousas por facer”

A Mesa pola Normalización Lingüística vai solicitar un encontro cos responsábeis da tenda que a multinacional Ikea ten na Coruña para animar a empresa a seguir procurando “adiantos concretos” para o galego en toda a súa actividade comercial.

A Mesa lembra que fora un compromiso inicial de Ikea “apostar” polo galego no seu relacionamento coa clientela. Así, a propia empresa foi quen tomou a decisión de que a páxina web local de Ikea da Coruña estea na lingua do país e de que unha parte dos catálogos de produtos dispoñíbeis para o público fosen editados en galego.

A maior asociación cultural de Galiza, que xa no seu día parabenizou publicamente a Ikea por estas importantes decisións, vén constatando, porén, como a multinacional sueca presente na Coruña ten aínda “pasos importantes por dar” no seu proceso galeguizador. “A reunión solicitada ten precisamente o obxectivo de animar a que se poidan seguir dando eses novos pasos”, explica a entidade.

A Mesa trasladará aos responsábeis do centro de Ikea na Coruña a necesidade de avanzaren na galeguización da sinaléctica interior da tenda, algo que finalmente non se chegou a facer, así como unha correcta “formación” lingüística do persoal encargado do atendemento ao público que garanta que a clientela que así o desexar poida ser atendida con normalidade en galego, “algo que a día de hoxe non está a acontecer”, segundo puido constatar en diferentes ocasións a entidade cidadá.

A asociación solicitará tamén de Ikea un “uso máis coidado” do galego nas informacións, materiais e produtos que xa dispoñibilizan neste momento na nosa lingua e preguntará pola cantidade actual de catálogos editados na nosa lingua, logo de constatar que en ocasións “non é nada doado” acceder a eles.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra