Noticias Noticias da Mesa

A delegación do goberno teima en aplicar a lei mordaza para sancionar un cidadán que reclamou ser atendido en galego

A Mesa pola Normalización denuncia que a delegación do goberno español en Galiza teima en aplicar a “lei mordaza” para sancionar un cidadán que reclamou ser atendido en galego e non só recibiu unha negativa rotunda a ser atendido na nosa lingua, senón que mesmo se lle chegou a negar a realización unha proba diagnóstica da Covid19, por este motivo. Perante a súa indignación, interveu a Policía Local que, lonxe de recoñer o lexítimo dereito deste cidadán a ser atendido en galego, recolleu no informe policial que o instaron a mudar de lingua e empregar o castelán, xa que “o persoal sanitario non tiña a obrigación de falarlle galego”.

O ataque aos dereitos democráticos que se produciu o pasado mes de abril de 2021 en Rianxo continúa agora, na resolución sancionadora por parte da delegación do goberno, que só recoñece como válida a declaración policial e descartando a validez das testemuñas presentes, por manteren unha “relación de veciñanza” coa vítima da vulneración dos dereitos lingüísticos.

“Para a Mesa pola Normalización Lingüística”, segundo indica o seu presidente, Marcos Maceira, “é especialmente grave que o Goberno español dea absoluta validez a un expediente policial onde se afirma sen rubor que o dereito á atención en galego non existe e que se dea por válida unha actuación baseada na negación dese dereito que resulta na sanción á vítima da actuación policial”. Maceira anuncia que a entidade de defensa da lingua instará o ministro do Interior a “abandonar toda hostilidade contra o galego, comezando por informar e desenvolver unha campaña de prevención e formación nos dereitos lingüísticos entre as forzas e corpos de seguridade”.

“En calquera sociedade democrática”, recorda Maceira, “os corpos policiais están sometidos ao cumprimento da lei e á garantía dos dereitos cidadáns”. “Porén”, explica, “neste caso, a delegación do goberno pasa por alto os mesmos feitos que considera probados e que confirman que con este cidadán se incumpriron os artigos 74.s) da Lei 2/2015 do emprego público de Galiza; o art. 51 que define os requisitos lingüísticos do funcionariado, que debe coñecer a lingua; o artigo 54.11 do Real Decreto Lexislativo 5/2015 de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público. Na realidade que non quere ver o goberno español estamos perante un caso moi grave de discriminación por motivo de lingua en virtude do art. 185.1.b) da mesma Lei 2/2015, o que é unha falta moi grave e pode levar consigo a inhabilitación para a función pública”.

A Mesa pola Normalización Lingüística farase cargo da defensa deste cidadán e dos possíbeis gastos que dela se deriven, incluída a multa, no caso de non prosperaren os recursos na fase administrativa, e as acción xudiciais pertinentes. Ademais, a entidade de defensa da lingua porá o caso en coñecemento do Consello de Europa e do Consello de dereitos humanos da ONU, na medida em que afecta ao cumprimento da Carta Europea das línguas e aos dereitos civís.

O traballo que desenvolve a Liña do Galego de tratamento, asesoramento, difusión e atención das queixas ten conseguido nos últimos meses que se emendaran algúns comportamentos e políticas lingüísticas de empresas e administracións públicas, como o actual cambio na aplicación É-Saúde, a App Radar Covid, os parquímetros da zona ORA do Concello de Vigo, a aprobación da ordenanza de normalización lingüística do Concello da Coruña ou os informes emitidos polo Consello de Europa.

As persoas que o desexen poden porse en contacto coa Liña a través do número 981 563 885, do correo-e linhadogalego@amesa.gal  ou da app A Liña do Galego.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Doazóns

Realiza unha achega económica puntual para axudar no funcionamento da asociación. Colabora aquí

Ler máis
Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis