A Deputación da Coruña refrenda o seu apoio ao proxecto A Liña do Galego

A Deputación da Coruña mantén, un ano máis, a súa colaboración co proxecto A Liña do Galego. A institución provincial destina, a través deste acordo, unha achega económica de 34.000 euros co obxecto de “contribuír ao mantemento e á estabilidade dun proxecto que se está revelando como unha ferramenta esencial á hora de canalizar as reclamacións e as demandas das persoas que queren exercer os seus dereitos lingüísticos en diferentes ámbitos da súa vida diaria”, segundo explica a responsable da área de Lingua da Deputación, María Muíño.

Pola súa banda, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira recordou que “o traballo que desenvolve a Liña do Galego de tratamento, asesoramento, difusión e atención das queixas ten conseguido nos últimos meses que se emendaran algúns comportamentos e políticas lingüísticas de empresas e administracións públicas, como o actual cambio na aplicación É-Saúde, a App Radar Covid, os parquímetros da zona ORA do Concello de Vigo, a aprobación da ordenanza de normalización lingüística do Concello da Coruña ou os informes emitidos polo Consello de Europa”.

Convén lembrar que a Mesa puxo a disposición da cidadanía no ano 2007 un servizo de telefonía gratuíto, desde o que os seus usuarios e usuarias poden tramitar calquera tipo de dúbida vencellada cos seus dereitos legais como galegofalantes e, desde o verán do 2016, incorporou a aplicación para dispositivos móbiles A Liña do Galego, unha ferramenta que permite axilizar estas consultas dun xeito máis cómodo e doado.

Neste sentido, e segundo o informe anual da Liña do Galego correspondente ao 2020, ao longo do pasado ano, a entidade de defensa da lingua tramitou 219 queixas, 20 consultas e 111 parabéns a través das chamadas, correos, e mensaxes a través da App recibidos na Liña do Galego.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra