A edición en galego descendeu un 10,2%

A Mesa denuncia que “a caída do galego é responsabilidade das nefastas políticas lingüísticas, culturais e educativas de Núñez Feijóo”

Carlos Callón reclama a “resurrección na Xunta da política cultural”, pois “por esta vía só nos empobreceremos máis e máis”

Os datos oficiais da Federación do Gremio de Editores de España amosan que o galego foi a lingua do Estado que máis caeu en nivel de edición

 

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2012.- “Desde que preside a Xunta Alberto Núñez Feijóo, non hai un só indicador positivo en políticas culturais, educativas ou lingüísticas”, apunta o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, á hora de valorar un novo “mazazo en datos”, neste caso sobre a situación editorial do galego. Segundo datos oficiais, entre os anos 2010 e 2011 o número de títulos editados no idioma de Galiza reduciuse un 10,2%, a maior caída que rexistra ningunha lingua oficial no Estado español. Fronte a iso, A Mesa reclama a “resurrección na Xunta da política cultural e do fomento do libro en galego”, pois “polo camiño actual só nos empobreceremos máis e máis”.

 

Esta información encóntrase no adianto do estudo Comercio Interior do Libro 2011, realizado pola Federación de Gremios de Editores de España. No relatorio oficial apúntase que, mentres en 2010 se editaran en galego 2.028 títulos, ao ano seguinte caeu aos 1.822.

 

Só hai outra lingua oficial no Estado que tamén reduce o número de títulos, o catalán, só que no seu caso continúan a multiplicar por cinco as obras tiradas do prelo no seu idioma a respecto da situación do galego. Así, pasaron das 10.287 en 2010 ás 9.599 en 2011. A lingua que máis aumenta o número de títulos anuais é o castelán, xa que crece un 3,5%, até superar as 65.000 novidades. “Tamén aquí se ve cantísima protección precisa o castelán”, ironiza Callón.

 

A Mesa apela á Xunta a que “non olle para outro lado” e que “lembre que ten competencias plenas para garantir o desenvolvemento cultural do noso país, porén non as está a utilizar”. A maior asociación cultural de Galiza subliña tamén que “en datos como estes vemos, máis unha vez, como se continúa a imposibilitar o dereito elemental a vivirmos na nosa lingua propia”. “Se xa antes os datos de edición en galego non eran positivos, pois non se correspondían coas dimensións da nosa comunidade lingüística, agora só pode cualificarse de impresentábel que aínda vaian a peor”, apunta Carlos Callón.

 

Ligazón ao estudo: http://www.federacioneditores.org/0_Resources/Documentos/Comercio_Interior2011.pdf

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra