Noticias da Mesa

A Federación Galega de Ciclismo discrimina o galego

A Federación Galega de Ciclismo incumpre a lexislación sobre o uso do galego como lingua propia de Galiza vulnerando os dereitos lingüísticos da cidadanía. A páxina web (http://www.fgalegaciclismo.es/) exclúe completamente o uso do galego. Ademias a atención en galego aos e ás federados/as non está garantida pois aínda que se dirixan á Federación Galega de Ciclismo en galego a maioría das veces contéstanlle en castelán.

A federación, na súa función de colaboradora da administración pública galega, é un importante axente dinamizador para levar a cabo a organización e desenvolvemento de programas e actividades que impulsen o ciclismo en Galiza e ten que incluír o galego na súa actividade.

A Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galiza ten como unha das súas principais funcións e cometidos estabelecer as bases de colaboración e o soporte financeiro ás federacións deportivas para o desenvolvemento dos seus respectivos programas de actividades. A Secretaría Xeral para o Deporte e a Secretaría Xeral de Política Lingüística teñen a responsabilidade de introducir o galego en ámbitos do deporte para contribuír á normalización da lingua galega.

A Federación Galega de Ciclismo, con funcións públicas delegadas, vulnera claramente a lexislación vixente sobre a oficialidade do galego e o uso do galego como lingua propia: O Estatuto de autonomía de Galiza dispón no seu artigo 5 que “a lingua propia de Galiza é o galego”, e que os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciaran o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa. Así mesmo, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, indica no seu artigo 4.1 que o galego é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma e da súa Administración; e o artigo 6.3 do devandito texto legal insta os poderes públicos de Galiza a promoveren o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns e cidadás.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis