Noticias da Mesa

A Génesis Seguros non lle importa o que che importa

A Mesa denuncia que Génesis Seguros oferta a posibilidade de que a clientela galega faga as súas pólizas en catalán, alemán ou inglés, mais non en galego.

Génesis Seguros négalle reiteradamente a un cliente unha copia da súa póliza en galego, incumprindo a Lei de Contrato de Seguros e as directivas europeas.

Carlos Callón: “A moitos galegos e a moitas galegas impórtanos podermos utilizar a nosa lingua. Se de verdade a Génesis lle importa o que nos importa, tal e como reza a súa publicidade, teñen unha ocasión de o demostraren”.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de facer público un comunicado no que acusa a Génesis Seguros de discriminar o galego e imcumprir a lexislación que garante os dereitos lingüísticos dos tomadores de seguros.

 

O caso comezou o día 19 de xaneiro de 2013, cando Serxio formalizou telefonicamente o contrato dunha póliza de seguro obrigatorio para a súa motocicleta coa empresa Génesis. Na conversa solicitou recibir a póliza do seguro en galego, a teleoperadora respondeu que non había problema e el aceptou a contratación.

 

Tras recibir a documentación provisional unicamente en castelán, solicitou a través do correo electrónico e do fax a súa póliza en galego. Desde ese momento pediu por escrito até en tres ocasións que lle fose remitida a copia da súa póliza en galego tal  ecomo acordaran no momento da súa contratación. Na última destas peticións escritas o cliente mesmo enviou unha copia da Lei 18/1997, de 13 de maio, de modificación do artigo 8 da Lei de Contrato de Seguros para garantir a plena utilización de todas as linguas oficiais na redacción dos contratos, que estabelece: “A póliza do contrato deberá redixirse, a elección do tomador do seguro, en calquera das linguas españolas oficiais no lugar onde aquela se formalice. Se o tomador o solicita, deberá redixirse noutra lingua diferente, de conformidade coa Directiva 92/1996, do Consello da Unión Europea, de 10 de novembro de 1992”.

 
O día 12 de febreiro a compañía Génesis remitiulle un correo electrónico denegando a solicitude deste cliente de que se emita a súa póliza en galego, violando así a normativa estatal e europea que estabelece que é o tomador do seguro, e non a compañía aseguradora, quen pode escoller a lingua oficial na que se redixe este, sen que esta elección supoña ningún retraso nin custo adicional para quen non escolle o castelán.

 

Ante esta situación Serxio púxose en contacto coa Liña do Galego, un servizo da Mesa pola Normalización Lingüística cuxo obxectivo é asesorar, informar e tramitar queixas ou parabéns sobre os dereitos da comunidade lingüística de Galiza. A Mesa animouno a presentar unha reclamación ante o Instituto Galego de Consumo. Serxio presentou esta reclamación no rexistro da Xunta o 22 de febreiro; un mes despois, aínda non obtivo resposta, o cal é para a entidade cidadá “outro triste indicativo de como valora os nosos dereitos o Goberno galego”.

 

Desde A Mesa pola Normalización Lingüística tamén contactaron coa compañía Génesis Seguros, á que instaron a respectar a lexislación vixente e tomar as medidas necesarias para garantiren o dereito da súa clientela galega a dispor de toda a documentación e atención relativa aos servizos que teñen contratados coa su compañía na lingua propia de Galiza.

 

O presidente da maior asociación cultural galega, Carlos Callón, afirma que “a moitos galegos e a moitas galegas si nos importa, e moito, podermos utilizar a nosa lingua. Se de verdade a Génesis lle importa o que nos importa, tal e como reza a súa publicidade, teñen unha ocasión de o demostraren”. Ademais, lembra que as pólizas que Génesis se nega a redixir en galego si están dispoñíbeis para a clientela do país en catalán, alemán e inglés… “Os versos de Rosalía denunciando que somos estranxeiros na propia patria continúan de total actualidade”, apunta Callón.

 

Neste sentido A Mesa fixo un chamamento a toda a súa afiliación e simpatizantes, e en xeral a todas as galegas e a todos os galegos preocupados polo seu idioma que teñan seguros contratados con Génesis, a que reclamen as súas pólizas e os seus servizos de atención en galego. No caso de a compañía non respectar este dereito, animounos a non os renovaren e a optaren por escolleren compañías que respecten a lexislación e os seus dereitos lingüísticos. Porque “ningunha empresa ofrece un servizo de calidade se exclúe a lingua dos seus clientes”.

 

Desde A Mesa sinalan que con esta actitude a compañía aseguradora tamén incumpre a Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, e a Lei 1/2010 de 11 de febreiro, da Xunta de Galiza, de modicifación de diversas leis de Galiza para as adaptar á citada directiva europea, que estabelece na súa disposicón adicional sexta:

 

  1. Os prestadores de servizos que operen en territorio da Comunidade Autónoma de Galiza, con independencia do lugar de estabelecemento orixinario, deberán respectar o marco legal vixente en materia lingüísica, especialmente a partir da Lei 3/1983, de 15 de xuño, de normalización lingüística, consonte o disposto na alínea 4 do artigo 1 da Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior.

Para estes efectos, favorecerán a normalización progresiva do uso do galego  na prestación dos seus servizos e deberán ofrecer aos seus destinatarios a posibilidade de manteneren a comunicación oral e escrita en lingua galega.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis