Noticias da Mesa

“A imparcialidade que se supón”, por Susana Méndez

Artigo da vicepresidenta da Mesa en Sermos Galiza sobre o xuízo a Carlos Callón.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

“A imparcialidade que se supón”

Vivimos nun mundo onde aos homes se lles supón o valor, ás mulleres se nos supón a capacidade de coidar, e aos xuíces e xuízas se lles supón a imparcialidade. En calquera dos casos, igual é demasiado supoñer.

Non sei se haberá algunha inocente persoa que poida pensar que ao accederen ao seu posto de xuíz ou xuíza, un home ou unha muller poidan perder todo canto de humano teñen, é dicir, a súa personalidade, os seus medos, as súas crenzas, os seus sentimentos, complexos e prexuízos, mesmo a súa bondade ou maldade. Non é algo automático, non sucede que unha vez que se aproba a oposición, a persoa se desprenda de toda a súa base persoal. E tampouco, isto entendo que ninguén poderá contradicilo, existen persoas que carezan na súa vida desa mesma base, porque a nosa psique vaise desenvolvendo desde a infancia (e mesmo antes) e vai recollendo e sumando as nosas vivencias e as nosas influencias ao noso bagaxe propio.

Eu, que teño as miñas virtudes e defectos, como todo ser humano, que teño as miñas ideas, complexos, manías e temores, en inda sendo como son unha persoa ben teimuda, non podo dicir que sexa imparcial, obxectiva e ecuánime. Porque é imposible que poida selo. Nin eu nin ningunha persoa deste mundo. Tampouco un xuíz.

Hoxe lévase a cabo na Coruña un xuízo contra Carlos Callón, Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz da Plataforma Queremos Galego, que foi denunciado polo que fora xuíz decano, señor Fraga Mandián, por lle ter lembrado que como xuíz debe cumprir a legalidade que se supón que fai cumprir no seu labor profesional. É evidente, o señor Fraga Mandián non é imparcial, nin obxectivo, nin ecuánime. Demostra con esta denuncia que ten a súa base persoal e que esta fai que non poida ser imparcial, por moito que quixer. Por que, se non, había de incomodarse por lle ser lembrado que A Coruña é a única forma legal do topónimo, e que el como profesional da xudicatura debería cumprir e facer cumprir tamén a norma legal que así o recoñece?

Non, o xuíz Fraga Mandián non é imparcial coa nosa lingua. Agora, señor Fraga Mandián, denúncieme a min tamén.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis