Noticias da Mesa

A Mesa acusa a Carlos Negreira de “acomplexado que non cre de verdade nos valores da Coruña”

Marcos Maceira: “O San Xoán é unha das nosas festas máis senlleiras e populares e non precisa disfrazarse de Fallas valencianas para atraer visitantes”

Na páxina “corunaespititudefuego” (sic) continúa sen aparacer máis rastro de galego que o adxectivo da expresión “noche meiga”

“Os complexos que demostra Negreira co esperpento do San Juan is back non representan o orgullo co que as coruñesas e coruñeses manteñen a tradición do San Xoán”

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

A Coruña, 9 de maio de 2014.- A Mesa critica que o alcalde da Coruña relegue de novo a lingua galega “mesmo en festividades tan tradicionais como o San Xoán”. Para a entidade presidida por Marcos Maceira, esta actitude de “desprezo sistemático á realidade galega da Coruña” demostra que Carlos Negreira é “un acomplexado que non cre de verdade nos valores da cidade”. “O San Xoán é unha das nosas festas máis senlleiras e populares e non precisa disfrazarse de Fallas valencianas para atraer visitantes”, enfatiza o dirixente da maior asociación cultural de Galiza.

 

A entidade denuncia que, pouco máis dunha semana despois da presentación das actividades municipais para o San Xoán, e a pesar das numerosas críticas recibidas, o Concello “teime en excluír o galego de forma sistemática, tanto do espazo web como dos espazos promocionais”. En palabras de Marcos Maceira, “Negreira quere relegar o galego ao anecdótico, e por iso en todos estes materiais só aparece un rastro residual da nosa cultura: o adxectivo meiga”.

 

O presidente da Mesa insta o alcalde coruñés a que “deixe de ser un acomplexado” e “recoñeza a nosa cultura, as nosas tradicións e as nosas festas”, pois “é ben triste encontrarnos con que a Administración que máis debería coidar e potenciar o próximo é a que máis despreza o que nos identifica, que pensa que o noso é menos polo feito de ser noso”.

 

Finalmente, Marcos Maceira lembrou que son milleiros as coruñesas e coruñeses que queren pasos adiante na normalización da nosa lingua, polo que fixo un chamamento á participación na concentración convocadas por Queremos Galego o vindeiro 17 de maio, que na Coruña se realizará a carón do Teatro Rosalia de Castro (confluencia das rúas Real e Rego de Auga) ás 12 do mediodía.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis