A Mesa acusa a Negreira de prevaricación e ameaza con demandalo se non se retira inmediatamente todo o material co logotipo ilegal de La Coruña

A Mesa denuncia perante o Valedor a exclusión do galego nas actividades e campañas do Concello da Coruña

Carlos Callón: “A inmensa maioría da xente da Coruña, tamén a que fala en castelán, ama o galego e quere que o Concello utilice con normalidade este idioma que nos une como galegas e galegos”

A Coruña, 5 de novembro de 2013. A Mesa pola Normalización Lingüística presentou unha queixa perante o Valedor do Pobo contra o Concello da Coruña pola súa nova campaña en que se exclúe a lingua galega, nesta ocasión ademais recuperando en moitos dos soportes o topónimo ilegal “La Coruña”. A Mesa denuncia que o Concello incumpre a lexislación sobre o uso do galego como lingua propia das administracións locais e vulnera os dereitos lingüísticos da cidadanía ao excluír o galego de todas as súas campañas e actividades.

 

Para a entidade que preside Carlos Callón non é “nada inocente” nin a “esforzada discriminación do noso idioma” nin a “pensada desobediencia ás sentenzas xudiciais e aos propios acordos municipais, impropio dun goberno democrático, ao decidiren utilizar o topónimo *La Coruña nos logotipos do Concello”, cuxa ilegalidade foi ratificada en numerosas ocasións por todas as instancias xudiciais, desde o TSXG até o Tribunal Supremo e o Constitucional. Hai que lembrar, ademais, que o Concello acordou finalizar con este litixio e comezar a acatar as sentenzas, mais que se comeza a desobedecelas de novo podería abrirse de novo esta fronte xudicial.

 

Desde A Mesa sinalan que son numerosas as queixas que reciben pola “sistemática” exclusión do galego nas campañas e actividades do concello herculino. A última da que teñen constancia é do evento “Coruña Wapa”, que promove e patrocina co logotipo ilegal Ayuntamiento de La Coruña.  (Adxuntamos imaxes dos carteis publicitarios distribuídos na cidade e dos videos promocionais pendurados en youtube).

 

Esta exclusión é contraria á lexislación aplicábel, por incumprir o artigo 5.3 do Estatuto de Autonomía, o artigo 6.3 da Lei de normalización lingüística, e sobre todo a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galiza, que no seu artigo 7 promulga que “o galego, como lingua propia de Galiza, éo tamén da súa Administración Local”, e continúa indicando que “todos os actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactaranse en lingua galega”.

 

O portavoz deste movemento cidadán en defensa do galego, Carlos Callón, apuntou que “non é a primeira nin a segunda nin a terceira vez que isto acontece… o varrido do uso do galego por parte do Concello da Coruña é total desde a chegada de Negreira á alcaldía, desprezando non só a lexislación senón os milleiros de coruñesas e coruñeses galegofalantes que son ignorados desde o seu propio Concello e, tamén, contrariando a opinión de todas as persoas da Coruña que falan castelán mais que aman a nosa lingua e desexan que non sexa discriminada”. “A inmensa maioría da cidadanía coruñesa, fale galego ou fale castelán, ama o galego e quere que o Concello use o idioma que nos une como galegas e galegos”, concluíu.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra