A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa advirte de que hai “moitos, moitos anos que o exame teórico para sacar o carné de conducir se pode facer en galego” e denuncia que a Xunta “publicite como unha novidade histórica o que non o é para nada”

Carlos Callón: “A Xunta vende fume e gasta tempo e diñeiro para que a normalización non avance”.

“Onte, igual que hoxe, pódese facer o exame de conducir en galego, o problema é que onte, igual que hoxe, non existen materiais nas autoescolas para poder estudalo”.

A Xunta anunciou onte con enorme carga protocolaria, con até sete cargos públicos –estiveron presentes un conselleiro, un director xeral, o delegado do Goberno, un subdelegado do Goberno, o coordinador da Dirección Xeral de Tráfico en Galiza, a delegada da Xunta na Coruña e o xefe Territorial da Consellaría de Educación e Cultura–, a novidade histórica de que o exame teórico do carné de conducir estará “por fin” en galego grazas ao goberno de Alberto Núñez Feijóo. Porén, A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que é unha “enorme mentira”, pois “hai moitos, moitos anos que os exames de conducir se poden facer en galego, primeiro na versión en papel e, desde que esta existe, tamén na modalidade electrónica”.

 

Para o presidente da Mesa, Carlos Callón, este anuncio “hiperpropagandístico” é, por unha banda, a mostra de que a Xunta se centra en “vender fume” e, en lugar de tomar accións en defensa do idioma do país, “xustamente gasta tempo e diñeiro para que a normalización non avance”. Ademais, o portavoz da maior asociación cultural de Galiza subliña que “hai que ver o implicados que están estes sete cargos institucionais co galego, que nin sequera saben que é o que hai ou que é o que non hai neste idioma”.

 

Desde a organización cidadá reclaman que se “explique en que consiste entón o convenio asinado pola Xunta e pola Dirección Xeral de Tráfico” e se a Xunta vai pórse a asinar agora convenios con todas as administracións que teñen obriga de seu de recoñeceren a oficialidade do galego, “xa que a Dirección Xeral de Tráfico é unha administración e, como tal, non pode descoñecer os nosos dereitos lingüísticos”.

 

Callón recorda tamén que, aínda que existe desde hai moitos anos a opción para facer o exame teórico en galego, os problemas que existen para que haxa máis persoas que escollan tal opción son “en primeiro lugar, que está pouco anunciado, aínda que na Mesa non nos consta que houbese problemas de ningunha persoa que o solicitase e non se lle entregase” e, ademais, “o principal obstáculo é que non existe material docente en galego nas autoescolas e a Xunta non quere facelo, cando este si sería o seu campo de acción”. “Sábeno, díxoselle mil veces, e o único que fan é faceren fotos como a de onte para nos venderen máis e máis fume”, conclúe.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra