A Mesa anima a apoiar a escola infantil Avoaescola


O prazo de preinscripción para o vindeiro curso na escola de Narón xa está aberto

A Mesa lamentou máis unha vez que o executivo de Núñez Feijóo non garanta o dereito de nais e pais a escolarizaren as súas crianzas na lingua propia de Galiza no ensino público

Ferrol, 07 de marzo de 2014.- A Mesa volveu amosar o seu apoio ao proxecto da Cooperativa Avoaescola, entidade coa que coincide na defensa activa do dereito ao ensino en galego. A organización en defensa do idioma lembrou que o vindeiro curso escolar será o segundo no que disporemos da escola infantil Avoaescola na comarca de Ferrolterra, cuxo prazo de preinscrición xa está aberto.

 

Desde A Mesa salientaron a necesidade da aposta de Avoaescola por lles facilitar ás crianzas o contacto co galego desde a educación infantil, que reforzará a aprendizaxe do ámbito familiar ou, en ocasións, suporá o primeiro contacto das pequenas e pequenos coa nosa lingua propia.

 

Este contacto desde o primeiro ensino resulta imprescindíbel nun contexto social caracterizado pola omnipresenza do castelán, que ocupa cada recuncho laboral, empresarial, de lecer, medios de comunicación… e por unha Administración educativa que permite e mesmo impulsa a erradicación do noso idioma no ensino galego. “Como pode ser de calidade un ensino que non parta da lingua propia do contexto no que está ubicado?” pregúntase Carlos Outeiro, responsábel da Mesa na comarca de Ferrol, para a continuación afirmar: “non é a calidade o que procura a actual administración galega, senón a ocultación do que somos, do noso principal sinal de identidade para facilitar así a ocultación do conxunto dos nosos intereses”

 

Deste xeito, desde A Mesa volveron lamentar que o executivo de Núñez Feijóo non garanta o dereito dos pais e nais a escolarizaren as súas crianzas na lingua propia de Galiza no ensino público, contravindo a lexislación e os dereitos recoñecidos na Carta europea das linguas.

 

A Mesa lembrou que o ensino infantil sempre foi unha etapa difícil para o idioma propio do país, pois a Xunta nunca puxo os medios axeitados para garantir unha mínima presenza do galego nesta etapa educativa. Porén, nunca en democracia se comprobaran niveis de uso tan calamitosos como na actualidade, xa que nunca desde o franquismo as nenas e nenos de fogares galegofalantes tiveran tantos obstáculos para se escolarizaren na súa lingua materna como desde que goberna Núñez Feijóo, cuxo executivo teima varrer o galego de toda a etapa de educación infantil.

 

Neste contexto crítico proxectos como os da Cooperativa Avoaescola resultan impresncindíbeis para garantirmos espazos onde socializarmos as nosas crianzas en galego, polo que desde A Mesa fixeron un chamamento aos apoiarmos: “Apostemos polos nosos intereses, polos nosos dereitos, valores e singularidades. Aproveitemos esta iniciativa ubicada en Narón se temos pequenas e pequenos en idade infantil ou participemos cunha doazón económica a través da plataforma Verkami á que se pode acceder pola web da Avoaescola [http://www.galizacogalego.com/mina-avoaescola]”

 

 

Por último, o responsábel da Mesa na comarca de Ferrol, Carlos Outeiro, lembrou que “o futuro está por escribir e na nosa man está que o escribamos nós na nosa lingua, o galego”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra