Báner ancho "Asina! Por unha canle Xabarín Club 24 horas na TVG"

A Mesa anuncia unha proposta parlamentaria popular pedindo unha canle Xabarín Club de programación infantil e xuvenil na TVG

A entidade dá o paso despois de que a solicitude dunha canle e unha App que emitan continuadamente contidos atractivos e de interese para a infancia e a mocidade galega acadase na rede preto de 8000 sinaturas

Compostela, 17 de setembro de 2020.- A Mesa pola Normalización Lingüística presentará esta semana unha Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular ao Parlamento de Galiza co obxectivo de instar ao goberno galego a tomar as medidas precisas para que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas a través dunha canle “Xabarín”, con programación atractiva, actual, educativa e de produción galega dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas dixitais, así como nunha App actualizada que conte ademais con programas e xogos.

A proposta -que se tramitará ao longo dos próximos meses- tamén instará ao goberno de Feixoo a adoptar as medidas e accións precisas para garantir a opción dobrada e lexendada ao galego nas plataformas dixitais e que TVE emita con opción dobrada ao galego todos os contidos da súa canle infantil e xuvenil e da súa App para o público infantil. O goberno galego deberá tamén adoptar as medidas necesarias que permitan a recepción mutua RTP – TVG en Galiza e Portugal segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias.

A Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular é un dos mecanismos contemplados na lexislación galega para a participación popular no impulso da acción de goberno para o que é preciso reunir un mínimo de sinaturas que serán debidamente certificados pola Xunta electoral. É, por tanto, un proceso máis complexo que a recollida de sinaturas que se mantén na web, mais tamén con maiores garantías de trámite parlamentar sempre que se reunir o mínimo de sinaturas fixado pola lei.

A entidade de defensa da lingua dá o paso despois de que a solicitude dunha canle e unha App que emitan continuadamente contidos atractivos e de interese para a infancia e a mocidade galega acadase na rede cerca de 8000 sinaturas en catro días. “Trasladar esta iniciativa ao Parlamento é a maneira de tornar realidade unha necesidade da mocidade galega”, indicou o presidente da Mesa, que engadiu que “para acadalo será imprescindíbel un grande esforzo colectivo”, polo que “se está a organizar un grupo impulsor formado por colectivos diversos mais representativos da sociedade galega que precisa dunha TVG comprometida coa súa función normalizadora e de dar visibilidade a toda a variedade e riqueza da cultura galega, nomeadamente no ámbito infantil e xuvenil”. Este grupo será presentado nos próximos días.

A Mesa considera alarmante o retroceso da presenza da lingua galega na programación televisiva: só a CRTVG garante a súa presenza na grella televisiva, mais faino de forma cativa e mínima, malia o estabelecido na lexislación autonómica sobre o audiovisual e malia as enormes posibilidades técnicas actuais que poderían aumentar significativamente as emisións en galego. E recorda que é conveniente actualizarse ofertando produtos en plataformas dixitais ou App con contidos infantís, recuperando os traballos de dobraxe xa elaborados e financiados con diñeiro público pola entidade televisiva. “É lamentábel que non se poidan visualizar en galego debuxos animados que tiveron grande impacto e éxito en Galiza”, critica Maceira, “aos que non se lle dá continuidade en galego no mercado cos seus produtos derivados ou na propria TVG”.

Xa a finais de 2019, unha campaña capitanaeada por A Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación profisional de actores e actrices da dobraxe de Galiza (APRADOGA) e a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e intrpretación (AGPTI) pedía á Xunta de Galiza que facilitase o lexendado e a dobraxe en galego dos filmes e series que ofertan as principais plataformas de contidos audiovisuais dixitais, tal e como fan os gobernos éuscaro e catalán dende hai anos. A campaña reclamáballe á Xunta de Galiza que se sumase ao acordo con Movistar+ dos gobernos vasco e catalán para o lexendado e a dobraxe dos filmes e series; estabelecendo acordos coas principais plataformas dixitais para a incorporación de lexendado en galego e da dobraxe dos filmes e series dos que xa dispón a CRTVG; e fixando unha dotación orzamentaria que permita cumprir eficazmente co estabelecido no artigo 20.1 da LNL.

O deseño é de Kiko Dasilva, homenaxe ao Xabarín deseñado por Miguelanxo Prado.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra