Prezada/o socia/o, amiga/o: Durante o mes de agosto a oficina está pechada por vacacións.


Noticias da Mesa

A Mesa apoia a petición de “dimisión ou cesamento” de Valentín García como secretario xeral de Política Lingüística

Carlos Callón: “Valentín García non só está a exercer de verdugo do galego por un prato de lentellas, senón que tamén é cruel e mesquiño na súa decisión de quitarlle o traballo a 476 docentes”

A entidade xa solicitou en máis ocasións “unha remuda a fondo da Política Lingüística deste Goberno galego que non exerce de galego”

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2014.- A Mesa pola Normalización Lingüística adhírese “ao cento por cento” á petición de dimisión ou cesamento de Valentín García como secretario xeral de Política Lingüística que realizou a Asemblea de Profesorado Celga, de aprendizaxe do idioma galego para adultos. Todos os docentes que conformaban esa Asemblea foron despedidos como represalia por solicitaren os seus dereitos laborais.

 

O presidente en funcións da Mesa, Carlos Callón, considera que García “non só está a exercer de verdugo coas súas políticas de desprotección da lingua de Galiza, e todo a cambio dun prato de lentellas, senón que tamén é insensíbel e mesquiño a nivel humano”, uns elementos que o converten “nun pésimo gobernante”. “Deixar sen traballo 476 persoas porque solicitaron que se lles recoñecesen os dereitos laborais que deberían ter por Lei non parece propio de ningunha Administración nin debería ser un comportamento admisíbel en sociedade no século XXI”, sinala o portavoz da maior asociación cultural de Galiza.

 

A vicepresidenta da Mesa, Susana Méndez, apunta tamén que “non pode haber política de revitalización e recuperación dunha lingua se nin tan sequera se garante que haxa cursos de aprendizaxe dese idioma para quen así o solicitar”, como está a acontecer cos Celga. “Hai xente que quere aprender galego e á que a Xunta non lle dá esa oportunidade”, polo que conclúe que “este modelo de precarización laboral entra no modelo xeral de Feijóo de desprestixiar o noso idioma e de impedir o seu adianto social”.

 

O tamén membro da dirección da Mesa, Marcos Maceira, ademais de valorar a “crueldade laboral” de Valentín García, recordou que “está no cargo porque ninguén máis quería ocupar o posto de verdugo do galego, que el exerce con tanta frialdade”. Maceira sinalou tamén que “non é a primeira vez que A Mesa reclama unha remuda a fondo, de 180 graos, na política lingüística deste Goberno galego que non exerce de galego”.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis