Noticias da Mesa

A Mesa califica de extremadamente cínicas as escusas de Feixó para eliminar o galego do ensino

“Parece que este decreto xa non convence nin ao presidente, que se dedica a lamentase nos Consellos da Xunta de o ter que cumpir” ironizan desde A Mesa

Marcos Maceira: “Se a Feixó tampouco lle gusta esta lei, só ten que derrogar o decreto, que é o que solicita o conxunto da comunidade educativa e a maioría do país”

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

 

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2014. – A Mesa pola Normalización Lingüística reaccionou esta mañá ás declaracións de Feixó tras o Consello da Xunta nas que, ante as críticas da RAG motivadas polo estudo sobre a situación do galego na Educación Infantil das cidades galegas presentado e elaborado pola Mesa, xustificaba a erradicación do galego no ensino infantil argumentando que o Goberno “está cumprindo coas súas obrigas legais, que son garantir o coñecemento do galego en pé de igualdade co castelán e cumprir e facer cumprir o decreto, sancionado polo TSXG, do plurilingüismo”.

 

A Mesa lembrou que só o 2,42% dos centros de Educación Infantil das cidades declaran utilizar maioritariamente o galego, e só no 4,15% o nivel de uso do galego está no 50%, segundo os datos que recolle o informe feitos público pola entidade en defensa da lingua, e que o propio presidente coincide en valorar como preocupantes.

 

Desde a asociación en defensa do idioma sinalaron que “hai que ser moi cínico” e ter “moi pouco respecto á intelixencia da cidadanía” para que unha das primeiras medidas do teu goberno sexa “aprobar un decreto contra a presenza do galego no ensino, e que cando se comezan a facer evidentes os efectos dese decreto teñas o descaro de dicir que só te limitas a cumprir a lei”.

 

“Parece que este decreto xa non convence nin ao presidente, que se dedica a lamentarse nos Consellos da Xunta de o ter que cumprir” ironizaron desde A Mesa.

 

Neste sentido, o presidente da asociación, Marcos Maceira, sinalou que “se a Feixó tampouco lle gusta este decretazo só o ten que derrogar, que é o que solicita o conxunto da comunidade educativa e a maioría do país”.

 

Así, desde a Mesa reclamaron máis unha vez a Feixó que derrogue este decreto e volva ao consenso do Plan xeral de normalización da lingua galega, así como que asuma os mandatos do Estatuto de Autonomía, da Lei de Normalización Lingüística e da Carta europea das linguas, “que tamén son de obrigado cumrpimento e legalmente de rango superior ao decreto lingüicida de Feixó.”, sentenciou Marcos Maceira.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis