Noticias da Mesa

A Mesa chora o falecemento do seu presidente de Honra, Avelino Pousa Antelo

A asociación agradece “o enorme exemplo vital de Avelino, símbolo dun país que quere continuar a existir”.

Carlos Callón: “Avelino non é só un exemplo de loita do antes do 36: el foi a nosa voz fronte aos ataques contra o galego dos últimos anos. Todas e todos os que o escoitamos nas manifestacións contra a política lingüística de Núñez Feijóo temos as súas palabras gravadas a lume nos nosos corazóns”.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

A Mesa pola Normalización Lingüística chora a perda irreparábel do seu presidente de Honra, Avelino Pousa Antelo, un “compañeiro incansábel que nos transmitiu o testemuño de décadas de loita do pobo galego por existir e que na novena década da súa vida continuaba cunha enorme lucidez e vontade de acción fronte aos abusos do poder”. A entidade súmase ao pésame á familia e únese ao chamamento para que todo o pobo galego homenaxee a Avelino, cuxos restos mortais estarán mañá desde as 12.30 h até as 19 h na Casa do Concello de Teo.

 

O presidente da Mesa, Carlos Callón, enfatiza que “Avelino non é só o testemuño dun pasado, alguén que nos transmitise por exemplo a memoria viva de Castelao”, senón que “foi tamén a voz rexa das mobilizacións sociais a favor do galego nos últimos anos, fronte aos ataques contra a nosa cultura por parte da Xunta de Núñez Feijóo”. “Foi un home que continuou a falar moi claro, a pesar de que o censurasen ou mesmo o chegasen a difamar na hipergobernamentalizada RTVG por se pór á fronte das mobilizacións en defensa do galego. Non só foi un loitador polo Estatuto do 36, como se recorda con razón, senón que tamén deu a cara por todas e todos nós cando por exemplo os gobernos de Manuel Fraga Iribarne quixeron manipular a Daniel Castelao ou cando se realizaron as drásticas medidas contra o galego no ensino ou na administración nos últimos anos”, subliña o portavoz da Mesa, quen asegura que “todas e todos os que o escoitamos nas manifestacións contra a política lingüística de Núñez Feijóo temos as súas palabras gravadas a lume nos nosos corazóns”.

 

Este exemplo vital de lucidez, enorme afabilidade humana e combate cívico pola cultura e o país estará sempre na memoria e na acción da Mesa pola Normalización Lingüística, asociación á que foi el en verdade quen honrou aceptando a proposta unánime da súa asemblea de convertelo en presidente de Honra da mesma.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis