A Mesa concede o II Premio Abertos ao Galego á cadea San Luís

O galardón, que recibira o ano pasado a rede social Tuenti, entregarase no Pazo da Cultura de Carballo esta sexta feira (venres) 22 de novembro ás 20.30 h.

O acto de entrega, ao que estades convidad@s, será presentado pola actriz Isabel Risco e contará coa actuación da cantante Najla Shami

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2013. – Abertos ao Galego, o proxecto da Mesa para a dinamización do galego no ámbito empresarial, entrega esta sexta feira (venres) o seu II Premio á cadea de electrodomésticos San Luís. O fundador de San Luís retoma a empresa despois de que Darty, a multinacional que a mercara, decidise pechar as tendas. Xa no seu día San Luís fora un referente e unha empresa pioneira na publicidade en galego, e o lema do seu regreso é “Estamos de volta”.

O xerente e fundador de San Luís nos anos 70, Lorenzo López, fai unha clara aposta pola lingua como elemento fundamental da identidade, o que el entende como parte imprescindíbel da marca da empresa. Nunha recente entrevista na Radio Galega, na reabertura das tendas de San Luís, afirmou: “Claro que as nosas tendas están rotuladas en galego. Estamos en Galiza, non? Todos temos patria, é a nosa aposta”.

O xurado valorou a importancia simbólica da aposta lingüística de San Luís, tanto polo sector ao que pertence como polo momento en que o antigo xerente retoma as tendas e a maneira en que decide reabrilas. Na súa anterior etapa, San Luís era unha das empresas líder do sector, o que serve para constatar algo que indican todos os estudos do mercado: o uso do galego é un aliado para o mundo socioeconómico.

Un proxecto para promover o galego no ámbito da empresa

Abertos ao Galego é un proxecto da Mesa pola Normalización Lingüística que ten como obxectivo a dinamización do galego no mundo da empresa. Partindo dun certificado de calidade asociado ao uso da lingua de Galiza, desde Abertos ao Galego quérese promocionar a actividade das empresas que traballan (total ou parcialmente) en galego, ademais de fornecer argumentos á sociedade sobre a relevancia do uso do noso idioma por parte dos diversos tipos de empresas. Algunhas das iniciativas que ten desenvolvido Abertos ao Galego até o momento, ademais da creación do Premio, son o catálogo de Nadal (que este ano se está a preparar por terceira vez) ou presentacións comarcais, así como a creación dun boletín informativo sobre as empresas integrantes de Abertos ao Galego, que se envía periodicamente aos socios e socias e simpatizantes da Mesa pola Normalización Lingüística. Así, quérese estender a idea dun “consumo responsábel co noso idioma”.

O premio de 2012 foi para Tuenti

Na primeira edición do Premio Abertos ao Galego, en 2012, o xurado decidiu outorgarllo á empresa Tuenti Technologies, promotora da rede social máis popular entre a mocidade. No acto de entrega do premio, realizado en Pontevedra, estiveron presentes o responsábel da tradución ao galego e soporte na nosa lingua da rede social, Javier Moreno, e o director de Comunicación de Tuenti, Cristóbal Fernández. O xurado nesta ocasión destacou especialmente que Tuenti teña no seu cadro de persoal un grupo de xente contratada especificamente para labores relacionados co mantemento, actualización e soporte da súa versión en galego.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra