Noticias da Mesa

A Mesa concentrarase na abertura do Centro Comercial As Cancelas (día 15 ás 12 h) para protestar pola exclusión do galego en publicidade e comunicación

Carlos Callón: “Sería bo que o xerente das Cancelas tomase unha tila, para aplacar a súa prepotencia, e asumise con normalidade que a lingua galega existe e que temos dereito a solicitar o seu uso”.

“As Cancelas supón un retroceso a respecto do que é o apoio ao galego por parte do comercio de Compostela, incluído un centro como Área Central, sempre atento á existencia da nosa lingua e cultura”.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

A Mesa pola Normalización Lingüística realizou xestións para que o Centro Comercial As Cancelas, que vai abrir esta semana en Santiago de Compostela, usase o galego “para algo máis que para o nome”. Porén, a entidade só conseguiu até o momento que, desde onte, a súa conta do Twitter comezase a enviar “algunha” información no idioma propio, mentres continúa sen usalo na publicidade e nin tan sequera ten completa a opción de galego da súa páxina web. Ante a “prepotencia” do xerente e a “patente exclusión da lingua de Galiza”, A Mesa convoca unha concentración simbólica de protesta para o día 15 ás 12 h.

 

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, amósase “estupefacto” despois de que o xerente do centro comercial o “abroncase por teléfono cando lle solicitei, con toda cordialidade, que usasen o galego en publicidade, redes sociais e comunicados de imprensa”. “Encontreime cunha postura fechada, que se xustificaba absurdamente en que tiñan o apoio da Xunta para non usaren o galego de momento na publicidade e nas comunicacións, algo que, con certeza, o secretario xeral de Política Lingüística en funcións debería explicar”, apunta. “Sería bo que o xerente das Cancelas tomase unha tila, para aplacar a súa prepotencia, e asumise con normalidade que a lingua galega existe e que temos dereito a solicitar o seu uso”, sinala Callón, ao tempo que convida as empresas presentes no Centro “a reflexionaren sobre se esta é a imaxe que queren ofrecer”.

 

O Centro Comercial As Cancelas, que só ten en galego o nome, non utilizaba este idioma até onte no Twitter (despois da solicitude da Mesa), realizou toda a súa campaña publicitaria excluíndo o idioma propio de Santiago e de Galiza, coloca o galego como algo secundario e incompleto na súa páxina web, etc. Supón, “sen dúbidas, un retroceso ao que é o apoio e o uso do galego por parte do comercio de Compostela, incluído un centro como Área Central, sempre atento á existencia da nosa lingua e cultura”.

 

Desde a asociación presidida por Carlos Callón lembran tamén que “todos os estudos de mercado constatan á boa disposición da sociedade galega cara ao uso do idioma propio no ámbito comercial e empresarial”. Apuntan ademais que esta valoración positiva se dá tanto nos falantes habituais de galego como nos falantes habituais de castelán, “que ven o galego como unha marca non só de proximidade, senón tamén de modernidade e novos tempos”. No caso concreto da sociedade de Santiago de Compostela, un estudo publicado polo Concello sinalaba que ao 83,9% dos veciños e veciñas lles parece “ben ou moi ben” que se use o galego na publicidade das empresas e produtos.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis