A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa considera “exaxeradamente cínico” que o mesmo partido que “leva tres anos e medio a patadas co galego” escolla como lema “Galicia por riba de todo”

Carlos Callón: “Un presidente da Xunta que centrou o seu mandato en atacar a nosa lingua e a nosa cultura non merece ser elixido de novo”.

A Mesa pola Normalización Lingüística, que durante toda a lexislatura mantivo unha postura crítica coa política cultural, educativa e lingüística de Alberto Núñez Feijóo, considera “exaxeradamente cínica” a elección do lema de precampaña do PP. Para a maior asociación cultural de Galiza, “hai que ser moi hipócrita para levar tres anos e medio contra o noso idioma e a nosa cultura e dicir que se ten a ‘Galicia por riba de todo’”.

 

O presidente da Mesa pregunta aos dirixentes do PP “se teñen a Galiza por riba de todo, poderían explicar unha única medida, calquera, que tomasen a favor do noso idioma nestes tres anos e medio?”. “Non poden explicar nin unha soa medida a favor da nosa lingua porque non houbo ningunha, nin a máis pequerrechiña”, apunta Callón, quen considera que “un presidente da Xunta que, como foi Feijóo, centrou o seu mandato en atacar a nosa lingua e a nosa cultura non merece ser elixido de novo”.

 

A Mesa recorda, ademais, “aínda que sen afán de exhaustividade”, algunhas das medidas contra o galego adoptadas polo Partido Popular desde a Xunta:

 

– A pesar da oposición dos sindicatos, o PP aprobou en solitario unha reforma da Lei da Función Pública que elimina de feito o galego como requisito, colocándoo nunha posición secundarizada a respecto do castelán.

 

– A pesar do rexeitamento de sindicatos, asociacións de nais e pais, asociacións estudantís, institucións culturais, Consello Escolar de Galiza, etc., a Xunta aprobou un decretazo contra o galego que supón o modelo educativo máis regresivo de todo o Estado español, sen parangón en ningunha outra comunidade autónoma, nin tan sequera as gobernadas por esta mesma formación. O galego é o único idioma do Estado que ten prohibido o seu uso en determinadas materias de ensino. No curso pasado só 10% da educación infantil das cidades foi en galego, a pesar de que o solicitaron 40% das familias.

 

– Na administración de Xustiza, a Xunta distribuíu un programa informático que, desde maio de 2010, impide usar o galego.

 

– A Xunta ordenou aos centros de ensino que se desfixesen de 190.000 libros de texto gratuítos para as familias, adquiridos pola Xunta na anterior lexislatura e que tiñan unha vida útil de dous anos máis. O motivo é que estaban escritos en galego. A Asociación Galega de Editores calcula en 3,8 millóns de euros o valor dos volumes desbotados, que nunha pequena parte refinanciou a Xunta e que tiveron que cubrir as familias no resto.

 

– A Xunta de Galiza, que tanto vende “austeridade”, leva malgastado cantidades inxentes de diñeiro só en tentar reducir o galego no sistema educativo. A eses 3,8 millóns de euros de libros de texto inutilizados hai que sumarlle os 40.000 euros que custou mudar as Galescolas en Galiñas Azuais, os 160.995 euros da pseudoconsulta ás familias, etc. A presión social logrou parar unha campaña sobre o decretazo que a Xunta xa tiña adxudicada, por valor dun millón de euros, mais descoñécese a indemnización que a Xunta afrontou pola suspensión do proxecto.

 

– O presidente da Xunta ameazou en diferentes ocasións ao longo da lexislatura con derrogar a Lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade no Parlamento hai case 30 anos. A presión social conseguiu que non se fixese.

 

– A vida cultural galega, nas súas diferentes expresións (audiovisual, teatro, música, etc.), está a ser minusvalorada e desprotexida pola Xunta, ao mesmo tempo que desprezada e infrarrepresentada na CRTVG.

 

– A pesar de que o Estatuto de Autonomía sinala a obriga dos poderes públicos galegos de potenciar o uso do noso idioma tamén no ámbito informativo, moitos dos medios que utilizaban con normalidade a nosa lingua viron na obriga de fechar ante a negativa da Xunta a subscribirse ou pór publicidade nos xornais electrónicos ou impresos que usaban a nosa lingua e daban unha visión da realidade diferente á oficial. Debemos denunciar con claridade que esta política pon en perigo a liberdade de expresión.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra