Noticias da Mesa

A Mesa considera inaceptábel a actitude de desprezo ao galego amosado pola empresa Fomento de Construcciones y Contratas (FCC) no conflito aberto coa Mancomunidade do Barbanza

Marcos Maceira: “Unha empresa que mostra tal desprezo por Galiza e a súa lingua non merece seguir facendo negocio no noso país”

Ramón Noceda: “A sociedade galega ten que coñecer este caso e enfrontarse a quen despreza os veciños e veciñas”

A Mesa animou a preguntar no twitter de @FCC_Group por que razón a empresa despreza o galego #paremososataquescontraogalego

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Carnota, 20 de novembro de 2014.- O presidente da Mesa pola Normalización, Marcos Maceira, e a Mancomunidade de concellos Serra do Barbanza representada polo seu presideste e alcalde de Carnota, Ramón Noceda, mantiveron esta mañá unha reunión para valorar o ataque á oficialidade do galego da multinacional Fomento de Construcciones y Contratas no contencioso aberto coa Mancomunidade.

 

FCC é a empresa que xestiona a planta de xestión dos RSU dos nove concellos que integran a Mancomunidade Serra do Barbanza. Tras unha auditoria na que se detectaron numerosas irregularidades e incumprimentos das condicións da adxudicación, a Mancomunidade iniciou o proceso para cancelar a concesión. Neste contencioso, a empresa non admite que a mancomunidade use o galego na documentación e solicitou a tradución ao español dos máis de 2 000 folios que forman o expediente.

 

Nesta reunión, na que ademais do presidente da Mesa e o alcalde de Carnota participaron o xerente da Mancomunidade e a técnica de normalización lingüística do Concello, a entidade en defensa do idioma amosou o seu apoio á Mancomunidade no uso normal do galego e denunciou a gravidade da actitude hostil cara á lingua da coñecida multinacional, que pretende eliminar pola vía dos feitos o carácter de lingua oficial do galego.

 

O presidente da Mancomunidade e alcalde de Carnota, Ramón Noceda, salientou que “a sociedade galega ten que coñecer este caso e enfrontarse a quen despreza os veciños e veciñas”. No mesmo sentido, Marcos Maceira valorou que “unha empresa que mostra tal desprezo por Galiza e a súa lingua non merece seguir facendo negocio no noso país”.

 

A Mesa pola Normalización Lingüística mostrouse contundente ao negar o dereito e a lexitimidade de FCC a solicitar a tradución deste expediente ao español apoiándose en dous argumentos principais:

 

1)     A petición de tradución do expediente alegando descoñecemento do galego por parte de FCC, alén de ir en contra do réxime de oficialidade lingüística do galego, é un acto de mala fe procesal ao ser obvio que a empresa vai en contra dos seus actos para dilatar indebidamente o proceso. Que non é unha solicitude lexítima e que vai en contra dos propios actos da empresa demóstrase porque durante anos esta empresa asinou toda a documentación relacionada coa concesión da planta de tratamento de residuos en galego sen ningún tipo de problema, chegando mesmo a emitir FCC documentación en galego. É obvio por tanto que non se pode alegar “verosimilmente” un “descoñecemento real e efectivo” desta lingua, polo que a utilización da lingua propia e oficial da administración neste expediente non supón indefensión para FCC.

 

2)     Quen fai esta petición de non utilizar o galego é unha empresa adxudicataria dunha concesión pública. Neste sentido hai que ter en conta que desde o momento no que unha empresa resulta adxudicataria dunha concesión pública ten que respectar o réxime de oficialidade lingüística do mesmo xeito que o fai a administración, polo que non pode obviar que o galego é a lingua propia e oficial de Galiza e da súa administración. A lexislación obriga as empresas concesionarias de servizos públicos non só a respectar a oficialidade do galego, senón a “promover o uso normal do galego oralmente e por escrito na prestación dos seus servizos” e garantir que os cidadáns se poidan relacionar con elas e acceder aos seus servizos en galego. Xa que logo non é admisíbel que a empresa argumente descoñecemento do galego porque ten o deber de o coñecer e utilizar.

 

A Mesa valorou o exemplo da Mancomunidade ao defender a dignidade do galego como lingua oficial e preguntouse se FCC mantén a mesma actitude cando concorre a procesos de adxudicación de obras ou servizos públicos en Cataluña ou en Francia.

 

Así, o presidente da Mesa sinalou que “tras este episodio está claro que FCC non debería ter ningún tipo de adxudicación pública en Galiza” e indicou que vixiarán se no resto de contratos que manteñen con outras administración galegas tampouco cumpren co mínimo respecto á lingua do país sinalado na lexislación.

 

Neste sentido A Mesa insitiu en que a solicitude de tradución deste expediente por parte de FCC é inadmisíbel e lembrou que o uso do galego neste expediente tanto pola administración local como pola empresa responde ao prescrito pola lexislación: O Estatuto de Autonomía de Galiza e a Lei de normalización lingüística recoñecen que o galego é a lingua propia de Galiza, e como tal a lingua oficial das súas institucións e administracións, instando os poderes públicos a promoveren “o emprego do galego en todos os planos da vida pública”, ao igual que a Lei 5/1988, de uso do galego como lingua oficial polas Entidades Locais e mais a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galiza, que no seu artigo 7 promulga que “o galego, como lingua propia de Galiza, éo tamén da súa Administración Local”, e continúa dicindo que “todos os actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactaranse en lingua galega”.

 

Da lexislación vixente tamén se deriva que as empresas privadas concesionarias de servizos públicos deben respectar a oficialidade do galego e garantir o dereito dos cidadáns a seren atendidos na lingua oficial da súa elección. Así, a Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración Pública galega, estabelece que os os concesionarios de servizos públicos da Comunidade Autónoma de Galiza deberán “promover o uso normal do galego, oralmente ou por escrito, nas relacións coa cidadanía, sen prexuízo do dereito de non discriminación por razón de lingua” (art. 2, alínea j).

 

Por outra banda, a Lei 1/2010, de 11 de febreiro, relativa aos servizos no mercado interior, recolle na súa disposición adicional sexta que “os prestadores de servizos que operen en territorio da Comunidade Autónoma de Galiza, deberán respectar o marco legal vixente en materia lingüística” e recoñece que “para estes efectos, favorecerán a normalización progresiva do uso do galego na prestación dos seus servizos e deberanlles ofrecer aos seus destinatarios a posibilidade de manteren a comunicación oral e escrita en lingua galega”.

 

Do mesmo xeito, a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, ratificada polo Estado español (BOE núm. 222, 17-09-2001), sinala nos parágrafos 3 e 4 do seu artigo 10 que se debe garantir o uso do galego nos servizos públicos, tanto se están proporcionados polas autoridades administrativas como por outras persoas físicas ou xurídicas.

 

A Mesa animou a preguntar no twitter de @FCC_Group por que razón a empresa despreza o galego #paremososataquescontraogalego

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis