Noticias da Mesa

A Mesa considera que a decisión da Xunta de despedir o profesorado Celga é “dunha mesquindade infinita”

Carlos Callón: “Débese saber que Feijóo decidiu despedir 476 profesores de galego porque reclamaron os seus dereitos laborais”

“Ademais da crueldade laboral e social, esta decisión da Xunta demostra que non teñen un proxecto para a formación en lingua galega a través dos Celga”

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2014.- A Xunta de Galiza decidiu prescindir dos 476 profesores e profesoras que impartían os cursos Celga após as Inspeccións de Traballo da Coruña e de Ourense recoñeceren que deberían ter os dereitos laborais (por exemplo, algo tan básico como estaren dados de alta na Seguridade Social) que o Goberno galego lles negaba. Estas Inspeccións tamén impuxeron sancións polos mesmos motivos á Administración autonómica.

 

O presidente da Mesa, Carlos Callón, considera que “se debe saber que Feijóo decidiu despedir estes 476 profesores e profesoras de galego porque reclamaron os seus dereitos laborais” e que se trata dun “xeito de proceder mesquiño, que resume toda unha concepción do mundo”.

 

O tamén membro da dirección da Mesa, Marcos Maceira, apuntou que “os principios do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, están á vista: pasou de pedir a profesionalización do profesorado de galego para adultos a aniquilalos e rirse na súa cara”.

 

Ademais, desde A Mesa denuncian que o PP pretende sementar a división entre o profesorado de galego en diferentes niveis ao ofrecer a impartición dos cursos Celga aos docentes de secundaria, como traballo extraordinario. “Alberto Núñez Feijóo e o seu lamentabilísimo secretario xeral de Política Lingüística non fan máis que pór paus nas rodas no proceso de revitalización social do idioma galego”, critica o portavoz da maior asociación cultural galega, quen tamén felicita todos os departamentos de Galego dos institutos que están a se negar a colaborar con esta decisión da Xunta.

 

Callón sinala tamén que, “para alén da crueldade social e laboral que está á vista de todas e todos”, a nova medida da Xunta demostra “que non existe en absoluto un proxecto merecente de tal nome para a formación en lingua galega a través dos Celga”.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis