A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa considera que a política cultural da Xunta pode ir “de mal en peor” cos novos nomeamentos

Carlos Callón: “A acción de goberno de Jesús Vázquez e Anxo Lorenzo cara á cultura galega só se pode sintetizar cunha palabra: destrución”.

Os méritos de Anxo Lorenzo e Jesús Vázquez entre 2009 e 2011 son executar a maior desprotección da lingua galega desde o franquismo.

A Mesa pola Normalización Lingüística, que cos seus 4.000 membros é a maior asociación cultural de Galiza, considera que as mudanzas no organigrama da consellaría de Cultura “significan e simbolizan unha nova ameaza cara ao desenvolvemento da cultura galega, tendo en conta a folla de servizos que presentan o conselleiro que agora tamén asume esas competencias e o novo secretario xeral”.

O presidente da entidade, Carlos Callón, considera que “a acción de goberno entre 2009 e 2011 de Jesús Vázquez e Anxo Lorenzo cara á cultura galega só se pode sintetizar cunha palabra: destrución”. Aínda que matiza que “oxalá reflexionen sobre todo o mal que están a facer e decidan adoptar unha postura construtiva e dialogante”, lembra que “o secretario xeral foi o que promoveu a maior desprotección institucional do galego en 30 anos de autonomía: no ensino, na administración, na eliminación de servizos de normalización lingüística, na inanición orzamentaria, etc.” e que “sobre o conselleiro e a cultura galega pouco máis se pode dicir que lembrar as súas palabras en que considera que o idioma galego é un muro para o futuro”. “Que conselleiro de Cultura pode ser ese que non cre na cultura que ten que defender?”, pregúntase Carlos Callón.

Desde A Mesa aseveran que con estes nomeamentos se “premia a incapacidade para o diálogo, a prepotencia e a galegofobia”, polo que consideran a súa designación como “unha pésima noticia para a cultura galega”.

A Mesa observa ademais que a mudanza no organigrama de Anxo Lorenzo se debe tamén a que o departamento de Política Lingüística fica nos novos orzamentos “como pouco máis que un floreiro sen capacidade de incidencia, polo que o PP considera que Lorenzo lles pode ser máis útil na súa cruzada contra o galego desde o novo posto”.

Carlos Callón valora que Alberto Núñez Feijóo “perdeu unha oportunidade” para rectificar na súa acción de goberno contra o noso idioma e pide a todas as persoas que teñan sensibilidade co galego que “estean alerta e activas para mobilizarse en defensa da nosa identidade, da nosa cultura, da nosa lingua”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra