Noticias Noticias da Mesa

A Mesa considera “un pequeno paso cara á igualdade” a aprobación no Congreso español de parte da PNL para garantir o uso da lingua propia a toda a cidadanía

O Congreso español aprobou esta mañá parte da Proposición non de lei (PNL) rexistrada por BNG, Compromís, PNV, EH Bildu, JxCat, PDCAT, ERC, CUP, Más Madrid e Podemos recollendo parte do manifesto Liberdade, igualdade, democracia presentado polas entidades sociais polas linguas

Compostela, 11 de marzo de 2021.- A Mesa pola Normalización Lingüística considera “un pequeno paso cara á igualdade” que o Congreso español aprobase esta mañá parte da Proposición non de lei (PNL) rexistrada por BNG, Compromís, PNV, EH Bildu, JxCat, PDCAT, ERC, CUP, Más Madrid e Podemos co obxectivo de garantir o uso da lingua propia a toda a cidadanía. A emenda aprobada recoñece a necesidade de oficialzar linguas como o galego en territorios pertencentes a Asturias e Castela-León, acepta permitir a validez recíproca de documentos escritos en galego e portugués -que forman parte do mesmo sistema lingüísitico- e a reciprocidade na recepción de radio e televisión e, por último, demanda “respecto real” baseado no dereito de uso e no deber de coñecemento, o que abre o camiño para a igualdade xurídica plena das linguas. Este punto foi aprobado cos votos a favor de todos os partido spolíticos agás VOX.
 
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, valora esta votación como “positiva”, na medida en que “abre espazo para que A Mesa e outras entidades continúen traballando a prol do obxectivo da proposta orixinal, que é que o recoñecemento das linguas se concrete en garantías de igualdade real para toda a cidadanía.” Maceira recorda, tamén, despois da postura amosada polo PP no Congreso español, que “o PPdeG ten deberes que facer en Galiza: sentarse, falar e executar os acordos acadados”.

“Os axentes sociais definimos o camiño e conseguimos que se foran adherindo os axentes políticos”, recorda Maceira. “Nesta ocasión non saiu adiante a totalidade do proposto, mais si unha parte moi importante”, puntualiza, “a porta está aberta e temos a determinación de volver pór o tema sobre a mesa, porque, coas linguas, estamos a falar de democracia, liberdade e igualdade. Hai moito en xogo e  nós seguiremos traballando”.

A Mesa seguirá traballando para facer posíbeis acordos amplos que posibiliten a igualdade real e presenza e uso do galego en todo e para todo.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Doazóns

Realiza unha achega económica puntual para axudar no funcionamento da asociación. Colabora aquí

Ler máis
Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis