Noticias da Mesa

A Mesa convoca a IV edición do Premio Abertos ao Galego

O galardón entrégase un ano máis ás empresas que destaquen polo seu uso normalizado do galego. Nesta edición entregaranse 4 premios segundo o tamaño da empresa e un premio para unha empresa creada no 2014 ou 2015.

O prazo de presentación de candidaturas finaliza o 30 de novembro

A Mesa pola Normalización Lingüística convoca a cuarta edición do Premio Abertos ao Galego, co que se recoñece a empresas que destacan polo uso normal do idioma galego. Esta iniciativa, que xorde da necesidade de lle darmos máis visibilidade social ás empresas que se comprometen cun dos máis principais sinais da identidade de Galiza quere contribuír a crear unha imaxe de prestixio asociada ao uso do galego no ámbito empresarial.

A Mesa procurará, una vez máis, a implicación da sociedade a través da presentación de candidaturas: calquera empresa ou particular poderá enviar propostas, que deberán remitirse á sede da Mesa pola Normalización Lingüística (Avenida de Lugo, 2A, Entresollado A, 15702, Santiago de Compostela) ou por correo electrónico (abertosaogalego@amesa.gal) cunha proposta que inclúa o nome e datos de contacto da empresa, xunto cunha explicación da candidatura na cal se incida no uso do galego que se fai desde a empresa candidata. O prazo de presentación finaliza o 30 de novembro de 2015. Para incentivar a participación, as persoas que remitisen candidaturas a título particular serán agasalladas coa camisola da Mesa pola Normalización Lingüística coa cita de Manuel María: ”A fala é a voz da terra e máis do mar”.

O proxecto Abertos ao Galego, que dá nome ao premio, constitúe un certificado que outorga A Mesa pola Normalización Lingüística, en diferentes niveis, a empresas, comercios, asociacións e entidades de todo tipo que adopten e desenvolvan compromisos para a normalización do galego. Os premios, como carácter simbólico, materialízanse na pertenza durante un ano ao Proxecto Abertos ao Galego.

A empresa que gañou o premio o ano pasado foi Cooperativa Erica Mel, de Arzúa, polo seu compromiso coa lingua galega. Unha empresa que abriu camiño no seu sector e foi pioneira na etiquetaxe en galego. O xurado tamén recoñeceu cunha mención especial a Radio Fene, emisora municipal que cumpría 30 anos que, con carácter estábel, empregou integramente a lingua galega nas súas emisións, que principiaron en setembro de 1984.

 BASES DA CUARTA EDICIÓN DO PREMIO ABERTOS AO GALEGO (2015)
Abertos ao Galego é un proxecto da Mesa pola Normalización Lingüística para avanzar na normalización do idioma de Galiza no ámbito empresarial. O Premio Abertos ao Galego quere contribuír a este obxectivo e implicar o conxunto da sociedade na súa consecución. Para isto, o Premio Abertos ao Galego outorgarase de acordo coas seguintes bases:

  1. O Premio Abertos ao Galego concederase anualmente a empresas que se distingan no uso normalizado da lingua galega.

  2. Hai catro categorías: 1 premio para empresas sen asalariadas/os; 1 premio para empresas de menos de 5 asalariadas/os; 1 premio para empresas de máis de 5 asalariadas/os; e un premio para unha empresa nova, creada en 2014 ou 2015.

  3. As candidaturas para o Premio Abertos ao Galego poden presentarse de calquera das seguintes formas:

    Os membros do xurado poderán propor unha ou varias empresas. 

    – Calquera empresa ou particular pode presentar unha ou varias candidaturas enviando á sede da Mesa pola Normalización Lingüística (Avenida de Lugo, 2A Entresollado A, 15702, Santiago de Compostela) ou por correo electrónico (abertosaogalego@amesa.gal) unha proposta que inclúa o nome e datos de contacto da empresa xunto cunha explicación da candidatura na cal se incida no uso do galego que se fai desde a empresa candidata.
    – Todas as empresas que xa formen parte de Abertos ao Galego son candidatas.

3. O prazo para a presentación de candidaturas remata o día 30 de novembro de 2015. Para as candidaturas remitidas por correo postal, admitiranse as propostas enviadas até esa data e as que se reciban antes da data da reunión do xurado.

  1. O xurado do Premio Abertos ao Galego estará conformado polos compoñentes da Comisión Permanente da Mesa pola Normalización Lingüística, e un representante da empresa gañadora na edición anterior. Tamén serán convidados a formar parte do xurado unha asociación de defensa da lingua e unha entidade asociativa do ámbito da empresa (cámaras de comercio, asociacións empresariais…). A presidencia do xurado recaerá na presidencia da Mesa pola Normalización Lingüística.

    5. O xurado seleccionará as empresas premiadas tendo en conta os obxectivos e finalidade do premio, e pode optar por deixalo deserto. A súa decisión será inapelábel.

    6. As persoas que remitiron candidaturas a título particular terán como agasallo unha camisola coa cita de Manuel María: “A fala é a voz da terra e máis do mar”, da Mesa pola Normalización Lingüística. Para poderen participar no concurso é imprescindíbel que se teñan identificado con nome, apelidos, número de carné de identidade, teléfono e enderezo postal. Toda esta información xestionarase de acordo co disposto na Lei 15/1999, de protección de datos de carácter persoal.

    7. As empresas candidatas, para poderen manter esta condición, deberán acceder a facilitar información ao xurado en relación cos usos lingüísticos que practican interna e tamén externamente.

    8. Os premios serán entregados nun acto público ao cal se dará difusión polos medios que determine A Mesa pola Normalización Lingüística, entre eles, as redes sociais.

    9. O premio, ademais de no seu carácter simbólico, materialízase na pertenza ao proxecto Abertos ao Galego por un ano para as empresas gañadoras. Na portada da páxina web da Mesa pola Normalización Lingüística (amesa.gal) figurará o logotipo das empresas gañadoras cada ano.

    10. As empresas premiadas poderán mencionar na súa comunicación externa e interna a posesión deste premio.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis