Noticias da Mesa

A Mesa convoca o premio empresarial Abertos ao Galego

O galardón entregarase anualmente a empresas que destaquen polo seu uso normal do galego.

O prazo de presentación de candidaturas finaliza o 2 de maio.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

A Mesa pola Normalización Lingüística deu a coñecer hoxe as bases do Premio Abertos ao Galego, un galardón con que se vai recoñecer cada ano unha empresa que destaque polo uso normal do idioma do país. O presidente da entidade convocante, Carlos Callón, salienta que “a iniciativa xorde da necesidade de lle darmos máis visibilidade social ás empresas que se comprometen cun dos sinais principais da identidade de Galiza”. “Queremos con iso, por unha banda, animar a que máis empresas se sumen á normalización do idioma e, pola outra, convidar a sociedade a que faga un consumo responsábel co galego”, incidiu.

Por iso, “A Mesa vai procurar a implicación da sociedade a través da presentación de candidaturas”, xa que calquera empresa ou particular poderá enviar propostas. Estas deberán remitirse á sede da Mesa pola Normalización Lingüística (Avenida de Lugo, 2A, entresollado A, 15702 Santiago de Compostela) ou por correo electrónico (abertosaogalego@amesanl.org) cunha proposta que inclúa o nome e datos de contacto da empresa, xunto cunha explicación da candidatura na cal se incida no uso do galego que se fai desde a empresa candidatada. O prazo de presentación finaliza o 2 de maio. Para incentivar a participación, as persoas que remitisen candidaturas a título particular entrarán no sorteo dun lote de produtos das empresas de Abertos ao Galego.

O proxecto Abertos ao Galego, que dá nome ao premio, está conformado por un certificado que outorga A Mesa pola Normalización Lingüística, en diferentes niveis, a empresas, comercios, asociacións e entidades de todo tipo que adopten e desenvolvan compromisos para a normalización do idioma propio de Galiza. Así, o  premio, para alén de no seu carácter simbólico, materialízase na pertenza ao proxecto Abertos ao Galego por un ano para a empresa gañadora.

BASES DO PREMIO ABERTOS AO GALEGO 2012

Abertos ao Galego é un proxecto da Mesa pola Normalización Lingüística para avanzar na normalización do idioma de Galiza no ámbito empresarial.

O Premio Abertos ao Galego quere contribuír a este obxectivo e implicar o conxunto da sociedade na súa consecución.

Para isto, o Premio Abertos ao Galego outorgaranse de acordo coas seguintes

BASES

1. O Premio Abertos ao Galego concederase anualmente a unha empresa que se distinga no uso normalizado da lingua galega.

2. As candidaturas para o Premio Abertos ao Galego poden presentarse de calquera das seguintes formas:

– Os membros do xurado poden propor unha ou varias empresas.

– Calquera empresa ou particular pode presentar unha ou varias candidaturas enviando á sede da Mesa pola Normalización Lingüística (Avenida de Lugo, 2A entresollado A, 15702 Santiago de Compostela) ou por correo electrónico (abertosaogalego@amesanl.org) unha proposta que inclúa o nome e datos de contacto da empresa xunto cunha explicación da candidatura na cal se incida no uso do galego que se fai desde a empresa candidatada.

– Todas as empresas que formen parte de Abertos ao Galego son candidatas.

3. O prazo para a presentación de candidaturas remata o día 2 de maio. Para as candidaturas remitidas por correo postal, admitiranse candidaturas enviadas até esa data, que se reciban antes da data da reunión do xurado.

4. O xurado do Premio Abertos ao Galego estará conformado polos compoñentes da Comisión Permanente da Mesa pola Normalización Lingüística, e a partir da segunda edición incorporarase ao xurado un representante da empresa gañadora na edición anterior. Tamén serán convidados a formar parte do xurado unha asociación de consumidoras/es e unha entidade asociativa do ámbito da empresa (cámaras de comercio, asociacións empresariais…). A presidencia do xurado recaerá na presidencia da Mesa pola Normalización Lingüística.

5. O xurado seleccionará a empresa premiada tendo en conta os obxectivos e finalidade do premio, e pode optar por deixalo deserto. A súa decisión será inapelábel.

6. As persoas que remitiron candidaturas a título particular entrarán no sorteo dun lote de produtos das empresas de Abertos ao Galego. Para poderen participar no concurso é imprescindíbel que se teñan identificado con nome, apelidos, número de carné de identidade, teléfono e enderezo postal. Toda esta información xestionarase de acordo co disposto na Lei 15/1999, de protección de datos de carácter persoal.

7. As empresas candidatas, para poderen manter esta condición, deberán acceder a facilitar información ao xurado en relación cos usos lingüísticos que practican interna e externamente.

8. Os premios serán entregados nun acto público ao cal se dará difusión polos medios que determine A Mesa pola Normalización Lingüística.

9. O premio, ademais de no seu carácter simbólico, materialízase na pertenza ao proxecto Abertos ao Galego por un ano para a empresa gañadora. Na portada da páxina web da Mesa pola Normalización Lingüística (www.amesanl.org) figurará o logotipo da empresa gañadora cada ano.

10. As empresas premiadas poderán mencionar na súa comunicación externa e interna a posesión deste premio.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis