A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa convoca unha concentración de apoio ao seu presidente mañá 30 de novembro ás 12.25 h no Xulgado de Instrución Número 2 da Coruña

Carlos Callón será xulgado mañá por realizar unhas declaracións hai máis de catro anos nas cales lle recordaba ao dalquela xuíz decano da Coruña que a Lei de normalización lingüística está para se cumprir

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz da plataforma unitaria Queremos Galego, Carlos Callón, será xulgado mañá, 30 de novembro. A Mesa manifesta o seu “estupor” porque “se xulgue a alguén non por atacar a Lei, senón por defendela publicamente”, mais avisa de que “ningunha acción para criminalizarnos logrará calar a nosa loita cívica”.

Desde A Mesa pola Normalización Lingüística convócase unha concentración para o propio día 30 de novembro ás 12.25 h diante dos Xulgados na Coruña (rúa de Monforte, s/n). A maior asociación cultural de Galiza reclama que “se cese coa caza de bruxas contra o galego” e que, “dunha vez, a xustiza garanta o dereito a usar e recibir información no idioma propio do país, tal e como recoñece a lexislación e os tratados internacionais”. Hai que ter presente que mesmo neste caso, e a pesar das sucesivas peticións do avogado de Carlos Callón, cada nova citación que se envía faise excluíndo totalmente a lingua escollida polo denunciado e só é traducida despois de que se volve a realizar a petición, “como se o galego fose un idioma estranxeiro en Galiza”.

Aínda que o “kafkiano” proceso contra o dirixente da Mesa fora inicialmente desestimado, tanto co apoio do xulgado como da Fiscalía, un recurso do denunciante desencadeou a vista que se producirá esta semana. Con anterioridade, Carlos Callón tamén fora convocado para o pasado 10 de febreiro, nun xuízo que se suspendeu despois de que o avogado recusase a maxistrada por entender que non se respectaban as garantías procesuais. Ademais, era rechamante que todo o proceso se realizase no mesmo xulgado en que era neses momentos decano o propio denunciante.

O motivo deste “esperpéntico” xuízo é que Callón replicou hai máis de catro anos, en xuño de 2008, unhas declaracións que os medios de comunicación puñan na boca de Fraga Mandián no transcurso dun xuízo: “No tengo ningún rubor en usar la ilegalidad del topónimo La Coruña”. O mesmo maxistrado defendera o incumprimento da Lei de normalización lingüística no referido a toponimia porque, segundo el, a cuestión do nome da cidade herculina estaba sub iudice. Non era verdade nada do que dicía e o propio Fraga Mandián sabíao moi ben: nese momento xa houbera mesmo varios ditames do Tribunal Constitucional apoiando a oficialidade exclusiva do topónimo A Coruña. Así mesmo, nun documento, como resposta a un veciño, tamén chegou a argumentar que el usaba La Coruña e non A Coruña por un erro ortográfico. Era unha burla, porque o “erro ortográfico” persiste unha e outra vez (tamén no escrito desta denuncia) e, con el, a vulneración dunha lei básica, con todo o peso simbólico de que quen estea a protagonizar todas estas situacións sexa un xuíz.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra