Noticias da Mesa

A Mesa crea unha aplicación para pór en valor a presenza da lingua galega nos estabelecementos comerciais e de servizos

Marcos Maceira e Celia Armas, da Mesa, e o deputado de Cultura e Lingua de Pontevedra, Xosé Leal, presentaron esta mañá a app, dispoñíbel para terminais Android e IOS nas principais plataformas dixitais.
Pontevedra, 17 de decembro de 2018.- Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Celia Armas, directora de Abertos ao galego; e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, presentaron esta mañá na Deputación de Pontevedra unha aplicación móbil para pór en valor a presenza da lingua galega nos estabelecementos comerciais e de servizos, que xa está dispoñíbel para terminais móbeis Android e IOS nas principais plataformas dixitais. A descarga é gratuíta.

“Os estabelecementos que apostan polo galego fano dun xeito consciente, cunha aposta polo propio, pola calidade e pola proximidade”, salientou Leal. “Nós podemos apoialos no noso día a día e animar outras persoas a faceren o mesmo”, apuntou. “A App Abertos ao galego quere apoiar este compromiso co propio, facendo visibeis os centos de negocios “abertos ao galego” espallados por todo o país”, explicou Celia Armas.

O funcionamento da aplicación é sinxelo, intuitivo. Permite localizar os negocios tanto en modo mapa como en modo búsqueda, filtrando tanto polo nome como por categorías. E cada persoa usuaria rexistrada pode puntuar, do 1 ao 5, o uso que se fai da lingua galega na atención oral, escrita e virtual de estabelecementos e comercios. Tamén se poden facer comentarios adicionais, para ampliar a precisión da valoración. A App fica, ademais, aberta a novas incorporacións, que se poden cursar a través dun sinxelo formulario dixital.

Para Maceira, “a mellor proba de compromiso e reponsabilidade co noso idioma é o seu uso normal”. “Como sociedade, alén de demandarmos compromiso e reponsabilidade ao empresariado, cómpre que as consumidoras contribúan apoiando aqueles que emprestan servizos e produtos en galego”, afirmou. Esta nova App xorde co obxectivo de que o público valore e priorice o consumo e utilización de servizos proporcionados en estabelecementos lingüisticamente responsábeis.

A aplicación móbil forma parte do proxecto Abertos ao Galego, que certifica o compromiso coa normalización da nosa lingua de empresas, comercios, asociacións e entidades de toda índole. Desde o cumprimento da lexislación lingüística e o estabelecemento de medidas concretas para o uso do galego,  até o uso sistemático do galego tanto interna como externamente e a solicitude de información e documentación en galego a provedores e administracións, Abertos ao Galego acompaña e apoia aquelas entidades que apostan dun xeito consciente pola lingua propia amosándolle á cidadanía os seus esforzos e animando os consumidores e consumidoras a apoialas, escollendo os seus produtos ou servizos.

Ligazóns de interese: Aplicación | Descargas en IOS e Android | Formulario de alta de novos negocios

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis