A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa de Bergantiños demanda ao concello de Ponteceso a corrección da sinaléctica no lugar do Couto

Xosé Cotelo: “Ocultar o galego na sinaléctica e facer uso deturpado dos topónimos non é a mellor homenaxe que Eduardo Pondal poida recibir na terra que o viu nacer”

A Mesa pola Normalización Lingüística de Bergantiños presentou un escrito no concello de Ponteceso solicitando a corrección de varios sinais no lugar do Couto, parroquia de Cospindo, que non se axustan á legaliadade. A asociación en defensa da lingua criticou a existencia de varios letreiros que exclúen o galego, como os que indican a localización da “Iglesia”.

 

Así mesmo, no escrito presentado no rexistro do concello solicita a modificación dos sinais que indican “Couto” na estrada que cruza a vila para os axustaren ao nomenclátor oficial que recoñece como forma correcta do topónimo “O Couto”.

 

Desde a sección da Mesa en Bergantiños lamentan esta situación de uso incorrecto dos nosos topónimos e da exclusión da lingua galega tendo en conta ademais que os letreiros están localizados no Roteiro Pondaliano.

 

O responsábel da Mesa na comarca de Bergantiños, Xosé Cotelo, salientou ademais que estes letreiros están localizados no Roteiro Pondaliano: “Desde a sección da Mesa en Bergantiños lamentamos a situación de uso incorrecto dos nosos topónimos e da exclusión da lingua galega que se dá nestes rótulos incumprindo todo tipo de lexislación en materia lingüística. Todos estes letreiros están localizados no Roteiro Pondaliano, en homenaxe a unha das nosas figuras literarias do Rexurdimento e autor do Himno Galego, Eduardo Pondal, e tamén a poucos metros da fundación que leva o seu propio nome, a Fundación Eduardo Pondal. Ocultar o galego na sinaléctica e facer uso deturpado dos topónimos non é a mellor homenaxe que Eduardo Pondal poida recibir na terra que o viu nacer”.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra