Bergantiños Noticias da Mesa

A Mesa de Bergantiños identifica trinta e tres topónimos deturpados na sinaléctica do Concello de Coristanco

A asociación en defensa do idioma denuncia que o Concello de Coristanco substitúe o topónimo “Valenza” pola súa forma deturpada “Valencia” na rotulación pública.

A páxina web do Concello difunde topónimos incorrectos, algúns deles “traducidos” ao castelán.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Bergantiños, 4 de febreiro de 2014. O responsábel da sección da Mesa pola Normalización Lingüística en Bergantiños, Xosé Cotelo, vén de entregar un escrito no rexistro do concello de Coristanco exixindo a corrección de todos os topónimos do concello, tanto na rotulación pública como na páxina web do concello, que non se corresponden coa súa forma propia e oficial.

 

A sección da Mesa en Bergantiños puido constatar a existencia do topónimo “Valenza” deturpado baixo a forma “Valencia” en toda a rotulación pública así como na propia web do concello onde se usan ambas formas.

 

A Mesa de Bergantiños identificou un total de trinta e tres rótulos con nomes de lugares que non se axustan á súa única forma oficial e válida: Vieite (Bieite), Riveiro (O Ribeiro), Erbelleira (A Ervelleira), Edrada (A Hedrada), Abellariza (A Abellariza), Rabadeira (A Rabadeira)… Alén diso, denunciou que o concello de Coristanco difunde na súa páxina web nomes de lugar incorrectos, algúns deles “traducidos” ao castelán como “Iglesia” (A Igrexa), “Iglesiario” (O Igrexario), e usa indistintamente “Valenza” e “Valencia”.

 

A sección comarcal da Mesa lembroulle ao goberno de Coristanco que os nomes de entidades de poboación foron fixados no Nomenclátor pola Xunta hai xa máis de dez anos, mediante o “Decreto 189/2003 do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia da Coruña” de acordo co estipulado na Lei de Normalización Lingüística, aprobada hai máis de trinta anos, que estabelece no seu art. 10 que: “Os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega”, que lle “corresponde á Xunta de Galiza a determinación dos nomes oficiais dos núcleos de poboación” e que “estas denominacións son as legais a todos os efectos e as rotulacións terán que concordar con elas”.

 

Neste sentido, o responsábel da Mesa na comarca advertiu que “O Concello de Coristanco non está exento de cumprir a lei” e que ten a obriga e a responsabilidade de corrixir todos os topónimos incorrectos nas rotulacións, sitio web e toda a documentación que saia do Concello.

 

Xosé Cotelo cualificou de “aberración e atentado contra a cultura e a lingua galega” a tradución dos topónimos ao castelán ou a promoción de formas deturpadas desde a propia administración, e lembroulle ao goberno local que Valenza é a única forma oficial e válida para denominar esta parroquia”.

 

O responsábel da Mesa en Bergantiños fixo un chamamento ao goberno local para que exerza a súa responsabilidade, como goberno dun concello galego, e respecte os topónimos do concello de cara a fixalos, conservalos e preservalos.

 

 

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis