Noticias Noticias da Mesa

A Mesa denuncia a vulneración dos dereitos lingüísticos da cidadanía galega na súa relación coa xustiza

Só nos xulgados do social o uso do galego é inferior ao 1% e a aplicación Minerva -coa que se tramitan os expedientes- non está dispoñíbel na nosa lingua, o que na práctica fai imposíbel o uso do galego por parte dos e das profesionais da administración pública de xustiza

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2021.- A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia a vulneración dos dereitos lingüísticos da cidadanía galega ao non poder empregar a súa lingua na súa relación coa administración da xustiza. O presidente da Mesa, Marcos Maceira, denuncia que a aplicación coa que se tramitan os expedientes non está dispoñíbel na nosa lingua, o que na práctica fai imposíbel o uso do galego por parte dos e das profesionais da administración pública de xustiza. Ademais, incúmprese sistematicamente o contemplado no artigo 9 da Carta europea das linguas minorizas, que sinala que a petición dunha das partes os proceso xudiciais realizaranse na lingua minorizada. Así o puxo en envidencia a denuncia feita esta semana polo sindicato CIG, sinalando que aínda que presenta o 20% das demandas do Social en Galiza e solicitan sempre o uso do galego nestes procedementos só teñen resposta positiva con respecto ao uso da nosa lingua en menos do 1% dos casos.

Perante isto, a entidade de defensa da lingua solicitou unha xuntanza co director xeral de xustiza da Xunta de Galiza para o instar a que inicie canto antes a tradución da aplicación Minerva e dos seus modelos. Maceira recórdalle ao director xeral que a Carta europea as linguas minoritarias ou rexionais, o Estatuto de Autonomía e a propia normativa en normalización lingüística protexen os dereitos lingüísticos da cidadanía galega. “A pesar da normativa que defende o seu uso, o galego está presente en menos do 5% da documentación xerada pola xustiza no noso país, sen que a Xunta poña interese en solucionalo”, lamenta Maceira.

Estranxeirización do galego
Tanto do Informe Anual da Liña do Galego que cada ano emite a entidade de defensa da lingua como da enquisa sobre o uso do galego realizada polo INE despréndese que a vontade dunha importante parte da poboación galega por manter o uso da súa lingua atopa impedimentos de todo tipo, visíbeis ao contrastarmos datos de uso cos de presenza en espazos como o 5% na xustiza, o 4% na programación infantil, o 1% nos seguros ou o o 0,6 % nos xogos e xoguetes, aos que se suma o crecente desprezo pola lingua propia na administración pública estatal e autonómica que concentran o 46% das queixas por vulneración dos dereitos lingüísticos. “A presenza e tratamento do galego en Galiza, incluído o ensino, é o dunha lingua estranxeira”, denuncia o presidente da Mesa, “só as persoas galegofalantes se ven forzadas a mudaren de lingua”. “É este o equilibrio do que se gaban o PP e o presidente da Xunta? É esta a liberdade para o galego?”, pregunta Maceira.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Doazóns

Realiza unha achega económica puntual para axudar no funcionamento da asociación. Colabora aquí

Ler máis
Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis