Noticias da Mesa

A Mesa denuncia a vulneración dos dereitos lingüísticos en Galiza na asemblea da Rede Europea para a Igualdade das Linguas en Dublín

 

Marcos Maceira entregoulle hoxe en Irlanda ao xefe do Secretariado da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias un relatorio sobre a situación do galego que será tido en conta para a elaboración do 5º informe de avaliación do cumprimento deste tratado

O relatorio sinala incumprimentos en todas as áreas onde o Estado e a Xunta deben garantir a presenza normal do galego: educación, vida social e económica, xustiza, cultura, medios de comunicación, relacións transfronteirizas, etc.

Dublín, 3 de novembro de 2018.- O presidente e a vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira e Elsa Quintas, entregáronlle hoxe en Dublín ao xefe do Secretariado da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias do Consello de Europa, Sixto Molina, un informe sobre a situación do galego advertindo que tanto o Estado como a Xunta incumpren as súas obrigas en todas as áreas nas que deben garantir a presenza normal da lingua: educación, vida social e económica, xustiza, cultura, medios de comunicación ou relacións transfronteirizas.

Maceira expuxo, tamén, o contido do informe na asemblea xeral da Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN), entidade consultiva do Parlamento Europeo, do Consello de Europa, das Nacións Unidas e da UNESCO e que aglutina 150 entidades representativas de 45 linguas minorizadas de Europa en 23 estados europeos. Desde novembro de 2016, a Mesa exerce unha das vicepresidencias de ELEN.

A Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias é un tratado internacional promovido polo Consello de Europa para garantir a normalidade das linguas minorizadas que o Estado español ratificou en 2001 no seu grao máximo. Segundo a Carta, o Estado ten que garantir o uso pleno do galego nos territorios onde é oficial ou está protexido polo estatuto en ámbitos como educación, xustiza, administración, relación sociais e económicas, cultura ou relacións transfronteirizas. Isto afecta a Galiza e as zonas de lingua galega de Castela e León.

Tal e como se advertiu esta semana na presentación do informe da Mesa perante os medios galegos, os expertos europeos teñen alertado en varias ocasións sobre as graves deficiencias na aplicación da Carta, nomeadamente no do ensino, o que motivou unha recomendación do propio Consello de Ministros sinalando que a introdución doutra lingua non podía servir de escusa para a eliminación da propia no ensino. Nesta ocasión, o Estado remitiu ao Comité de Expertos un informe que manipula os datos e que mente, co fin de obter unha avaliación positiva. “O Estado mente ao Consello de Europa manipulando os datos oficiais”, asegurou Marcos Maceira. Ademais de ocultar o contido do mal chamado decreto de plurilingüísmo, cinguíndose a expor os aspectos xa contemplados no anterior, chega a afirmar que “a maior parte dos pais falan galego cos fillos”, que o descenso de galegofalantes “se produce, fundamentalmente, en nacidos antes de 1973” ou que o galego é a lingua máis empregada polo estudantado. Porén, tal e como sinala a Mesa no seu relatorio, recollendo datos do IGE, “en 2014 tiñamos a cifra máis alta de menores de 15 anos que aseguran non seren capaces de falar galego (20%)”. Neste sentido, o relatorio da Mesa emprega estatísticas oficiais, informes da propia Mesa e mais do Consello da Cultura e da RAG, así como informacións recollidas pola prensa que desmenten algunhas graves manipulación do Estado.


Algúns datos do informe


Ensino
– Segundo o último estudo IGE (2014) o 20% do alumnado que remata a ESO non sabe falar galego
– Mantense o decreto de plurilingüísmo a pesar das recomendacións do Comité de Expertos e do Consello de Ministro do Consello de Europa
– A aplicación da LOMCE impide cumprir os máximos para o galego do Decreto contra o galego da Xunta
– O ensino público non garante o ensino en galego como estabelece a Carta.

Xustiza
– Continúa sen haber garantías para o desenvolvemento da xustiza en galego: a xuíces, xuízas e fiscais non se lles require o coñecemento da lingua e a inexsitencia de galego nos programas infomáticos sobrecarga e provaca atrasos ao funcionariado e á cidadnía que opta polo galego.

Servizos públicos
– A administración do Estado e os servizos públicos externalizados encabezan os incumprimentos da Carta.
– A inexistencia de requisito de coñecemento do galego ao funcionariado impide a utilización do galego e fica á escolla do funcionariado.
– Evidénciase a inexistencia de formación de calidade.
– Nos concellos, sentenzas como a do TSXG sobre a ordenanza de uso do galego en Lugo supoñen unha regresión dos dereitos lingüísticos da cidadanía

Medios de comunicación
– Só a TVG garante unha presenza mínima do galego. Porén, é a única emisora pública do Estado que non conta cunha canle específica para a mocidade.
– Os medios en galego son os que menos axuda reciben polo uso do galego.

Servizos culturais
– Caída de publicación de libros en galego.
– Caída do investimento en dobraxe
– Dificultades para a distribución de cinema en galego

Vida económica e social
– Segundo o informe ao respecto elaborado pola Mesa pola Normalización Linguística, non opera neste momento en Galiza ningunha entidade bancaria que permita realizar todos os trámites en galego. No que ten a ver coa banca electrónica só chegan ao 40% as entidades que permiten operacións básicas neste idioma.
– En materia de recursos contractuais, a Xunta de Galiza atribuíu ao Tribunal Central de Recursos Contractuais as súas competencias. Xa que logo, todos os recursos especiais terán que ser redactados en castelán, o que só acontece no caso galego fronte ás outras linguas oficiais no Estado.

Intercambios transfronteirizos
– Os acordos institucionais que facilite ou favoreza os contactos entre Galiza e Portugal continúan a ser anecdóticos

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis