A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa denuncia ante Política Lingüística casos de anuncios no DOG que remiten para documentación que exclúe o galego

Un dos casos foi a publicación da convocatoria para as probas de avaliación en competencias clave, da Consellaría de Traballo e Benestar, cuxos formularios de inscrición non aparecían na nosa lingua

A entidade cidadá chama a “non calar” este tipo de situacións para “poder parar o desleixo” da Xunta da cara ao galego

A Mesa vén de se dirixir nas últimas semanas á Secretaría Xeral de Política Lingüística logo de detectar distintos casos de anuncios e convocatorias publicados no Diario Oficial de Galiza en que a documentación anexa figuraba exclusivamente en castelán, sen ningunha versión en galego.

A maior asociación cultural de Galiza tivo coñecemento destes casos a través da Liña do Galego, o servizo de atendemento e asesoramento sobre dereitos lingüísticos que mantén a disposición de toda a cidadanía a través da liña telefónica 902 106 474 e do correo electrónico linhadogalego@amesanl.org todos os días laborábeis da semana.

A entidade cidadá presidida por Carlos Callón salienta a importancia da “colaboración cidadá” á hora de dar a coñecer situacións concretas nas que se vulnera a lexislación lingüística que garante a oficialidade da lingua propia de Galiza ou nas que non se respectan os dereitos lingüísticos garantidos nas leis. É esa colaboración, segundo a asociación, a que permite “actuar” para que esas situacións “non se sigan a producir no futuro”, polo que chama ao conxunto da cidadanía a “non calar” e non deixar que este tipo de casos fiquen “silenciados”.

Un dos casos dos que A Mesa tivo coñecemento foi a respecto da publicación no DOG da convocatoria do proceso de inscrición para as probas de avaliación en competencias clave, convocadas pola Consellaría de Traballo e Benestar a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, cuxo anexo cos formularios de inscrición incluía simplemente modelos en castelán e ningún en galego.

A Mesa está a tramitar queixas ante a Secretaría Xeral de Política Lingüística para instala a “actuar xa” frente ao que a asociación considera un “evidente desleixo” da Xunta de Galiza co uso “normal” da lingua propia e para que garanta o “dereito básico” de toda a cidadanía a toda a documentación en galego a través do DOG.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra