Noticias Noticias da Mesa

A Mesa denuncia “frivolidade” e “desleixo” na redacción da nova Lei do audiovisual do Estado

Publicamos un detallado informe sobre o contido da nova Lei do audiovisual do Estado, que podedes consultar aquí, no que denunciamos “frivolidade” e “desleixo” na redacción da nova Lei do audiovisual do Estado. En termos xerais, podemos falar de lei de apagado lingüístico no audiovisual, ao non pretender reparar, sequera minimamente, a exclusión do audiovisual feito en galego ou outra linguas cooficiais.

Neste informe, salientamos “o contraste que existe entre as declaracións feitas polo goberno e outros grupos políticos ao respecto da Lei e a realidade do texto presentado” e avanzamos que, de se aprobar tal e como está redixida, “a nova lei terá unha incidencia moi escasa para avanzar cara a igualdade no audiovisual das linguas propias cooficiais e, nomeadamente, da lingua galega”.

Ademais de ser necesario incorporar ás principais plataformas audiovisuais baixo demanda (Netflix, Disney +, HBO Max,…), precísanse maiores cotas de emisión e, de xeito moi claro, nas TV lineais. En todo caso, se non van acompañadas de financiamento de producións, as cotas de emisión non serán úteis para garantir novas producións e oferta nova en linguas propias cooficiais. “Coa redacción actual referida a linguas oficiais das Comunidades Autónomas”, advirte o texto, “non se garante nengunha cota para as linguas cooficiais diferentes do español”. E a Lei discrimina no acceso ao financiamento por parte das empresas de servizos audiovisuais ás televisións públicas de ámbito autonómico, como a TVG.

A lei consolida, ademais, a desigualdade histórica no referido á dobraxe, lexendaxe e audiodescricións. Non se garante para as linguas propias cooficiais, todo o que legalmente ou de facto está plenamente garantido para o español. Só mantén a achega de recursos públicos para dobrar o que en español garanten de por si as produtoras.

Cadro resumo da análise

  Español GAL/EUS/CAT
Inclúe plataformas internacionais (Netflix…) NON
Lexendaxe SI NON
Audiodescricións SI NON
Cota de emisión TV lineal 25,5% 0%
Cota de emisión TVE 21,675% 3,825%
Cota de emisión TV demanda 9% 6%
Financiamento anticipado SI NON
Dobraxe NON
Dobraxe TVE NON

Proposta de modificación
No informe, ratificamos o noso compromiso co acordo do Parlamento de Galiza de 12 de maio de 2021: que a nova Lei Xeral do Audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda; e que a Corporación de Radio Televisión Española emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa App.

En relación ao texto concreto da Lei, recordamos que a referencia ás linguas propias cooficiais debe manterse ao longo de todo o texto, que no ámbito de aplicación debe incluír expresamente as plataformas internacionais, que é preciso engadir opcións de lexendaxe, audiodescrición e webs en todas as linguas cooficiais e que os prestadores do servizo de comunicación audiovisual televisivo lineal deben incorporar dobraxe nas linguas propias cooficiais, estabelecendo transitoriamente axudas e incentivos para a súa inclusión.

Finalmente, con respecto ás cotas de emisión, é preciso estabelecer unha cota ampliada para o servizo público estatal de comunicación e a obriga de dobrar, lexendar, engadir audiodescricións ás linguas propias cooficias en todos os seus contidos, así como unha porcentaxe de financiamento anticipado para producións en linguas propias cooficiais idéntica as cotas de emisión.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Doazóns

Realiza unha achega económica puntual para axudar no funcionamento da asociación. Colabora aquí

Ler máis
Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis