A Mesa denuncia o escandaloso incumprimento do PXNLG ao se faceren 10 anos da súa aprobación

A asociación presentou esta mañá un informe avaliando o cumprimento dos obxectivos e das medidas acordadas unanimenmente no Plan Xeral hai dez anos.

Marcos Maceira: ”É urxente que o PP regrese aos acordos de 2004 concretados no PXNLG. Feixó ten que cumprir coa palabra dada”

O informe, en formatos pdf e mais epub, pódese descargar nesta ligazón.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2014. – A Mesa pola Normalización Lingüísitica presentou esta mañá un informe no que avalía o nivel de cumprimento dos obxectivos e medidas do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade fará 10 anos o próximo 22 de setembro.

 

O informe analisa a situación actual da lingua galega en relación ao nivel de cumprimento do contemplado no PXNL e a actitude que mantén a actual Xunta de Galiza. Tras esta avaliación, e grazas ao que a entidade tivo oportunidade de constatar nestes anos polas denuncias e queixas que lle chegan cada día, a asociación en defensa da lingua galega conclúe que “o nivel de incumpriento dos obxectivos e medidas do Plan Xeral é escandaloso”.

 

A Mesa lembrou que a elaboración deste Plan Xeral respondeu a un proceso aberto e participativo no que colaboraron case mil persoas de diferentes ámbitos e foi asumido polo consunto das forzas políticas galegas: “grupos políticos, técnicos, especialistas dos diferentes sectores e representantes da sociedade civil foron quen de chegar a un acordo amplo, unánime, que debía constituír un punto de partida para avanzar na normalización e na reposición da lingua aos espazos que nunca debera de ter perdido ou, cando menos, garantir a igualdade de dereitos mínimos para as persoas que queremos vivir en galego”, sostivo o presidente da asociación, Marcos Maceira.

 

O PXNL converteuse así nun mandato parlamentar ao goberno galego. Mostra desa unanimidade e do acordo acadado son as palabras de Manuel Fraga Iribarne onde se comprometía a “impulsar todas e cada unha das accións aquí sinaladas”.

 

Segundo o presidente da Mesa, o PXNLG e o consenso xerado ao seu arredor por unanimidade parlamentar abriu unha porta á esperanza a través dun mínimo común denominador aparentemente asumido polo conxunto da representación pública, e que sentaba os alicerces para a restauración e a reposición da lingua galega, revertindo un proceso de séculos.

 

Porén, a chegada de Feixó ao Goberno supoxo a frustración deste acordo: “O único partido galego que se desmarcou do PXNL ten que iniciar un proceso de reflexión e voltar ao acordo e ao consenso acadado en 2004. Núñez Feixó rompeu a palabra dada polo PP en boca do seu presidente na altura, Manuel Fraga, que no prólogo do PXNL se comprometía a “impulsar todas e cada unha das accións sinaladas”, e a súa propia como parlamentario e Vicepresidente da Xunta naquel momento.  

 

“O goberno de Feixó dedicouse nestes cinco anos a desmantelar un por un os acordos en torno á lingua”, sinalou Maceira, para quen “non é só cuestión de cumprir coa súa palabra de deputado, tamén de cumprir a lei e os mandatos parlamentares”. Neste sentido, o presidente da Mesa lembrou que “o Goberno galego ten a obriga de cumprir a lei, como o artigo 5.3 do Estatuto de Galiza que obriga os poderes públicos a potenciar o emprego do galego e a dispor os medios necesarios, ou o artigo 5.4 que estabelece que ninguén poderá ser discriminado por razón de lingua. Do mesmo xeito non pode ignorar que existe en Galiza unha Lei de Normalización Lingüísitica e lexislación internacional como a Carta Europea de Linguas Minorizadas ou a Declaración Unversal de Dereitos Lingüísticos que amparan a normalización da lingua galega e todos os avances que se deben producir”.

 

A observación da política lingüística levada a termo polo Goberno de Feixó nestes últimos cinco anos evidencia non só que non se estan a aplicar as medidas acordadas no Plan Xeral, senón que en moitos casos se está a lexislar en sentido contrario, e para imposibilitar na práctica a consecución dos obxectivos marcados, como demostra de xeito paradigmáticos o caso do ensino e o decretazo contra o galego, que supuxo unha involución sen precedentes.

 

Para a Mesa o Partido Popular e o actual presidente teñen que “demostrar que o acontecido o 22 de setembro de 2004 non foi unha fraude”, e que teñen capacidade de rectificar, xa que “ao non aplicar o PXNL ou actuar en sentido contrario das medidas que estabelece está a causar graves prexuízos á lingua e á cidadanía galega, que fale ou non galego quere que o noso principal sinal de identidade continúe vivo” afirman desde a entidade cidadá.

 

Segundo indicou o presidente da asociación, Marcos Maceira, “as consecuencias do incumprimento e da renuncia á palabra dada en forma de acordo unánime no Parlamento están á vista: retroceso sen precedentes no número de falantes, desaparición da lingua galega da Educación Infantil das cidades, vulneración de dereitos lingüísticos e cidadáns en inferioridade de condicións das persoas galegofalantes no seu propio territorio, por non falar da imposibilidade de ver un filme en galego nunha sala comercial ou de ter a opción ao galego en productos audiovisuais…

 

Finalemente, desde A Mesa pola Normalización Lingüística destacaron a necesidade de “retornar ao consenso de 2004 por parte de quen o rompeu, o Partido Popular e o Presidente da Xunta, que ten a obriga de aplicar o PXNL”, así como dun “compromiso explícito e efectivo co PXNL por parte do goberno e actuacións lexislativas que desenvolvan o contemplado nas medidas acordadas neste” e reclamaron a derrogación de “todas as disposicións legais contrarias ao PXNL, nomeadamente as relacionadas co ensino e coa admisnitración”. 

 

Podes descargar o informe nesta ligazón.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra